Pestanas principais

Constitúese o Consello de Administración da Empresa Pública da Auga de Ames

Mércores, 14 de febreiro de 2024

Este pasado luns, 12 de febreiro, o Concello de Ames constituíu o Consello de Administración da Empresa Pública da Auga de Ames. Deste xeito, dáse un novo paso para a posta en marcha deste novo servizo municipal que está previsto para comezos do mes de abril. Previamente, no pleno ordinario do pasado mes de maio de 2023 aprobouse a constitución da entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL, que xestionará de xeito directo o servizo do ciclo integral da auga. No pleno ordinario de xullo do pasado ano tamén foi aprobado o regulamento de xestión do Ciclo Integral da Auga.

O alcalde de Ames, Blas García, dixo que “este 12 de febreiro de 2024 é un día importante para o noso concello, case o podíamos definir como histórico. A razón non é outra que a constitución do Consello de Administración da Empresa Pública da Auga de Ames. Despois de moito traballo e moitos trámites administrativos chegamos á constitución formal, que terá como data de comezo do servizo o 1 de abril”.

Ademais, lembrouse de “persoas tan importantes en todo este proceso como o anterior alcalde, Jose Miñones, e a anterior concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, por todo o traballo feito, pero tamén a insistencia de concelleiros e concelleiras como Quique Costas, Pilar Candocia e Chus Boo. A verdade é que foi máis tarde do esperado, pero estamos dando o primeiro paso na municipalización dalgún dos servizos, e non vai a ser o último, porque pretendemos municipalizar máis servizos”.

O Consello de Administración da entidade pública empresarial Augas de Ames renovarase cada mandato. Na actualidade está formada por catro edís do grupo municipal do PSdeG-PSOE (Blas García, Susana Señorís, Víctor Fernández e Gustavo Nieto), tres concelleiros/as do grupo municipal do Partido Popular (Oliva Agra, Pablo Beiroa e José Ramón Oulego), dous/dúas edís do grupo municipal BNG (Natividade González e Alexandre Espinosa), e unha concelleira do grupo municipal de Espazo Común (Luísa Feijóo). Ademais, no Consello de Administración hai un/unha representante das asociacións veciñais, escollido por parte das asociacións (Lino Berdullas, da Asociación Veciñal de Tapia); e un/unha representante da propia empresa pública, que será designado no momento no que dita empresa comece a funcionar.

Dita empresa pública estará formada por 16 traballadores/as, que serán subrogados da actual concesionaria Espina y Delfín. Na actualidade estase realizando o proceso de traspaso de infraestruturas, persoal e competencias da actual concesionaria do servizo á empresa pública.

Cómpre destacar que as principais vantaxes de que o servizo do ciclo integral da auga sexa xestionado por unha empresa pública son: a transparencia, xa que o Concello disporá de xeito directo todos os datos e información relativa a dito servizo; a proximidade co cidadán; a maior sensibilidade social; a maior participación cidadá; o incremento de empresas complementarias que ofrecerán servizos á empresa pública; e que se ofrecerá un servizo público sin ánimo de lucro, xa que as empresas privadas concesionarias de dito servizo teñen como obxectivo a rendibilidade económica.

Aprobación da constitución da EPEL
Como paso previo á constitución do Consello de Administración da Empresa Pública da Auga de Ames, no pleno ordinario do pasado mes de maio de 2023 aprobouse a constitución da entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL, que xestionará de xeito directo o servizo do ciclo integral da auga.

En dito pleno tamén se aprobaron os estatutos que rexerán esta entidade pública empresarial; adscribir a entidade pública empresarial ás instalacións e bens que figuran no inventario municipal; subrogar o persoal que procede da actual concesionaria Espina y Delfín (son 16 empregados/as); e clasificar a entidade pública Augas de Ames EPEL no grupo dous de acordo á disposición adicional 12 da lei 785 reguladora das bases de réxime local.

Cómpre lembrar tamén que o Pleno do Concello de Ames aprobou na sesión ordinaria do mes de abril de 2023 a memoria xustificativa e o modelo do sistema de xestión do Ciclo Integral da Auga, que pasa a ter unha xestión directa a través dunha entidade pública empresarial local (EPEL).

Por último, hai que destacar que no pleno ordinario de xullo de 2023 a Corporación municipal aprobou por unanimidade o regulamento do servizo municipal de abastecemento de agua, potable, saneamento e depuración do Concello de Ames.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Constituyen el consejo de administración de la empresa pública del agua de Ames"

El Correo Gallego: "Ames crea el consello que velará por un ciclo del agua para toda su ciudadanía"

Lindeiros: "Constitúese o Consello de Administración da Empresa Pública da Auga de Ames"

Constitúese o Consello de Administración da Empresa Pública da Auga de Ames