Pestanas principais

A Consellería de Sanidade preséntalle o proxecto técnico do centro de saúde do Milladoiro ao goberno municipal

Mércores, 08 de marzo de 2017

[08-03-2017] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, mantiveron unha xuntanza co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, e cos técnicos de dita Consellería para presentarlles o proxecto técnico do centro de saúde do Milladoiro. Está previsto que mañá entre por Rexistro do Concello dito proxecto coa solicitude de licenza de obra por parte da Xunta de Galicia. O goberno axilizará o máximo posible os trámites para poder aprobar a licenza de obra en Xunta de Goberno Local e se poida comezar co proceso de licitación o antes posible.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “se mantén en esencia o proxecto técnico que xa estaba previsto, pero con algunhas modificacións que implican melloras respecto do inicial”. Ademais, asegura que “está previsto que mañá mesmo entre por Rexistro dito proxecto coa solicitude de licenza de obra. Dende o goberno comprometemos a axilizar o máximo posible os trámites para aprobar esta licenza de obra en Xunta de Goberno Local”. Por último, indica que “dende a Consellería de Sanidade trasladáronnos que os fondos para a construción desta infraestrutura están garantidos e que o prazo de execución é de 12 meses, polo que agardamos que para o próximo ano o novo centro de saúde poida estar aberto”.

Este centro de saúde contará, ademais das instalacións auxiliares, con 23 despachos para os médicos, enfermeiros/as, farmacia, matrona, educación sanitaria, odontólogo, fisioterapeuta co correspondente ximnasio, toma de mostras, consultas polivalente de técnicas de urxencias de probas, consultas de pediatría, e para os traballadores/as sociais.

Esta infraestrutura disporá principalmente de tres módulos. No primeiro estarán situadas as áreas de pediatría e maternidade; na segunda estará a área de medicina xeral, e a terceira estará dedicada a fisioterapia, odontoloxía e salas de oficinas. Asemade, existirán varias zonas verdes que estarán pechadas dando luz natural aos diferentes módulos, e unha parte baixa na que estarán instaladas as caldeiras da calefacción de eficiencia enerxética, etc.

Urbanización do contorno do centro de saúde
De xeito, paralelo o goberno municipal realizará os trámites necesarios para prestar os servizos necesarios no contorno do centro de saúde. Dende o Concello traballarase para dotar á parcela do centro de saúde das infraestruturas necesarias, tales como accesos, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado, telefonía, e a regulación do aparcamento na zona próxima ao centro de saúde e en colaboración coa Consellería. Estas infraestruturas deberán estar realizadas á entrada en funcionamento do centro de saúde.

Por último, o proxecto técnico recolle as conexións de servizos e os accesos preferentemente ao fronte principal da parcela, á rúa Travesía do Porto.

Dende o goberno sinálase “a importancia deste día no que comeza a facerse realidade a construción do demandado centro de saúde e congratúlanse de que os trámites realizados durante estes meses de traballo acaden un bo final”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Sergas solicita la licencia de obra para el centro de salud de Milladoiro"
El Correo Gallego: "Proyectan levantar el centro de salud de Milladoiro en un año"