[28-06-2013] O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se determina a época de perigo alto de incendios. Mediante esta norma, para este ano 2013 declárase o período comprendido entre o 1 de xullo e o 30 de setembro como de perigo alto de lumes forestais. A publicación desta Orde no DOG faise efectiva de acordo co establecido polo artigo 9 da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar a orde publicada no DOG.




