[07-06-2011] O Concello de Ames dá un paso máis para para realizar unha modificación no Plan Xeral de Ordenación Municipal co fin de cambiar a cualificación da parcela que está destinada á construción do novo colexio no Milladoiro. O alcalde de Ames en funcións, Carlos Fernández, envioulle un escrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que emita un informe no que conste que non é preciso o sometemento do expediente á tramitación de Avaliación Ambiental Estratéxica para realizar a devandita modificación. Na actualidade o documento está sometido a consulta pública para que os/as interesados/as acheguen á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental as consideracións que estimen oportunas en relación aos efectos que o seu desenvolvemento podería ocasionar sobre o ambiente.
Ante o compromiso mostrado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para construír un novo centro de educación infantil e primaria no Milladoiro, o Concello de Ames está traballando co obxectivo de cederlle unha parcela á Xunta de Galicia que conte cunha superficie mínima de 12.150 metros cadrados. O alcalde de Ames en funcións, Carlos Fernández, vén de enviarlle unha carta á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para que emitan un informe no que conste que non é necesario someter o expediente á tramitación de Avaliación Ambiental Estratéxica.
Segundo figura no estudo demográfico -mapa escolar- realizado polo Concello de Ames a poboación en idade escolar vai seguir medrando nos vindeiros anos polo que é preciso dispor de máis centros educativos en Ames. Para paliar o déficit de dotacións escolares existentes no municipio a Consellería de Educación Universitaria contempla a execución dun novo CEIP no Milladoiro. Neste senso o Concello de Ames está traballando para poñer a disposición do goberno autonómico os terreos necesarios para a construción deste novo equipamento.
Para a execución deste novo colexio a Xunta de Galicia pediulle ao Concello unha parcela que debe dispor de polo menos 12.150 metros cadrados. Debido a que non existe no Plan Xeral de reservas dotacionais axeitada para este equipamento, analizadas as diferentes alternativas considerase necesario impulsar unha modificación puntual no Plan Xeral de Ordenación municipal para poder construír esta infraestrutura no lugar de Cotón (O Milladoiro), que linda co núcleo urbano.
O goberno municipal atopouse co problema de que no núcleo do Milladoiro hai moi poucas parcelas que se poidan dedicar a equipamento públicos. O planeamento urbanístico realizado dende o nacemento deste núcleo limitou a posibilidade de que o Concello obtivera terreos coa superficie necesaria para equipamentos públicos, que demandan parcelas de grandes dimensións, nos diversos sectores urbanísticos que se foron desenvolvendo, polo que resulta necesario facer unha modificación puntual do PXOM para obter nunha mesma parcela os 12150 metros cadrados que demanda a Xunta de Galicia.
Para poder atopar unha parcela axeitada as características que solicitaba a Xunta de Galicia, o Concello de Ames encargoulle un estudo a empresa Oficina de Planeamento SA en decembro de 2010. Posteriormente, o pasado 21 de xaneiro, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, presentoulle ao secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha proposta municipal sobre a implantación dun novo CEIP no Milladoiro.
A parcela proposta para a implantación do novo CEIP do Milladoiro dispón dunha superficie de 16.765 metros cadrados e atópase xunto a uns terreos que están situados nas inmediacións do núcleo urbano do Milladoiro (situado a 120 metros do solo urbano clasificado) e colindantes co solo urbanizable do sector S-16 Galdrachán, con Plan Parcial aprobado definitivamente e en execución. O acceso á parcela realizarase non soamente a través da estrada do Milladoiro a Laraño (CP-0206), senón que se vería complementado co acceso a través do camiño de Millalar a Ventín (ao sur da parcela) e coa conformación dun novo acceso que una as anteriores dando continuidade ao viario principal do solo urbanizable en desenvolvemento.
A parcela dispón de 16.765 metros cadrados
Dos 16.765 metros cadrados totais, 13.800 refírense á superficie neta da parcela dotacional e 2.965 a superficie destinada a ampliación do viario existente, novos accesos e aparcamento. Deste xeito cúmprense os requisitos demandados pola Consellería de Educación sobre a superficie e características que deben cumprir os terreos destinados á implantación da nova dotación escolar. Ademais esta finca atópase a unha distancia de 120 metros de solo urbano clasificado e colindante co solo urbanizable S-16 Galdrachán.
Dada a cualificación urbanística que presentan os terreos nos que se prevé a localización do novo centro de ensino, a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal, terá por obxecto acomodar a cualificación e, de ser o caso, a clasificación do solo necesario para dar acollida á nova dotación escolar.
Co obxectivo de axilizar os trámites para a construción do novo colexio do Milladoiro, o alcalde en funcións de Ames, Carlos Fernández, solicitoulle á Concellaría de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas que emita un informe no que conste "a innecesariedade de sometemento do expediente á tramitación de Avaliación Ambiental Estratéxica" da parcela onde previsiblemente se vai situar o devandito centro escolar, no lugar do Milladoiro, na parroquia de Biduído. Esta petición baséase nun informe elaborado polos técnicos municipais de urbanismo.
Na actualidade o documento está sometido a consulta pública para que os/as interesados/as acheguen á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental as consideracións que estimen oportunas en relación aos efectos que o seu desenvolvemento podería ocasionar sobre o ambiente. As consideracións que se fagan no período de consultas poderán ser tidas en conta no Documento de Referencia. O cal incluirá criterios ambientais estratéxicos, obxectivos ambientais e os principios de sostenibilidade aplicables.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames exige celeridad con el solar del futuro colegio"




