[09-03-2016] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu onte o acto de conmemoración do Día Internacional da Muller, un evento que estivo adicado a Carmen Feteira, a primeira concelleira que xestionou en Ames a concellaría da Muller. Neste acto estiveron presentes a actual concelleira que xestiona esta área, Luísa Feijóo, e outras mulleres que levaron o departamento da Muller como foron Isabel González, concelleira do actual goberno municipal, María González e Eugenia Martín. Ademais, entregáronse os premios do primeiro concurso de marcapáxinas posto en marcha polo Centro de Información á Muller. O alcalde de Ames, José Miñones, leu a declaración institucional do 8 de mazo con motivo da celebración do Día da Muller, que se pode obter premendo na ligazón que está debaixo do apartado de descargas.
O acto comezou cunha breve introdución da concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, na que explicou “a min gustaríame que non houbese que visibilizar unha data concreta para celebrar o Día da Muller, porque iso significaría que alcanzamos a igualdade plena, pero mentres se sigan producindo situacións de discriminación, desigualdade ou machismo, haberá que seguir celebrando este 8 de marzo como unha loita das mulleres na defensa dos seus dereitos e na defensa da igualdade. Unha loita na que debemos estar todos e todas xuntos, tanto os homes como as mulleres, para lograr unha igualdade efectiva e real, para que a través desa igualdade gañe toda a sociedade”.
Luísa Feijóo deulle paso ao alcalde de Ames, José Miñones, para ler a declaración institucional do 8 de mazo, con motivo da celebración do Día da Muller, que foi aprobada por unanimidade de toda a corporación municipal no pasado pleno ordinario do mes de febreiro. O rexedor municipal coincidiu coa concelleira de Servizos Sociais e Igualdade en que “ogallá non haxa que celebrar este día da muller, ao igual que non se celebra o día do home”. A través de declaración institucional, Miñones, reivindicou “o carácter festivo e reivindicativo que implica o Día Internacional das Mulleres. Día que simboliza a loita das mulleres na defensa dos seus dereitos e na defensa da igualdade”.
A continuación, Luísa Feijóo, incidiu en que o acto deste ano estaba dedicado a Carmen Feteira, primeira concelleira da Muller de Ames. En 2003, por primeira vez en Ames, creouse a concellaría da Muller, cargo que ocupou naquel momento Carmen Feteira. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade foi dando paso as distintas mulleres, que ao igual que ela, xestionaron o departamento da muller, como foron Isabel González, concelleira do actual goberno municipal, María González e Eugenia Martín.
Isabel González recordou a figura de Carmen Feteira coa que “tiven oportunidade de traballar e aprender dela”. González destacou que “Carmen creou a asociación Alba no ano 1987 e despois tiven a sorte de compartir con ela un ano de goberno. A aposta daqueles gobernos, que gobernaron de 2003 a 2007 e de 2007 a 2011, foron ás políticas de igualdade e conciliación, sempre ligadas ás políticas de emprego. Naquel momento tamén comezamos a traballar coa mocidade do IES de Bertamiráns con unidades didácticas enfocadas á igualdade”. Isabel González tamén tivo un recordo con Carmen Amado “a primeira, e agardemos que sexa a última, muller vítima da violencia de xénero no noso concello. Este ano, o 25 de novembro, día contra a violencia de xénero, continuaremos co paseo Carmen Amado, no que durante sete anos estívose plantando unha arbore en memoria desta muller”.
Por outra banda, María González destacou que “as campañas de sensibilización son a base para non seguir conmemorando este día”. Recordou a campaña “Ser xoven non te inmuniza contra a a violencia de xénero”, que se realizou dende a súa concellaría e coa que “se traballou co alumnado do IES de Bertamiráns e que resultou moi positiva”. Tamén destacou “a importancia dos programas de inserción laboral que lles permite ás mulleres vítimas de violencia de xénero dispor dun posto de traballo”. Por último agradeceu o traballo do persoal que forma parte desta concellaría.
Eugenia Martín tamén lle dou as gracias “ao persoal deste departamento polo seu traballo na etapa que estivo como concelleira e na que se puxo en marcha o Centro de Atención á Muller de Ames”. Eugenia Martín tamén incidiu “na gran participación que teñen as xornadas sobre igualdade que organiza o Concello de Ames e nas que participa a xuventude de Ames, un sector poboacional co que é primordial traballar en materia de igualdade”. Por último, quixo recalcar que “con mulleres hai Ames”.
Gañadores/ras do concurso de marcapáxinas
Ademais, no acto celebrado onte entregáronse os premios do primeiro concurso de marcapáxinas, posto en marcha polo Centro de Información á Muller, con motivo da celebración do Día da Muller. Este certame estivo dirixido aos nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria dos colexios públicos de Ames. As bases do concurso estableceron tres categorías diferentes. A primeira estivo dirixida ao alumnado de 4º, 5º e 6º cursos de Educación Infantil; a segunda ao de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria e a terceira aos rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.
Deste xeito os gañadores e gañadoras foron na 1ª categoría, Carolina Guerra García, alumna de educación infantil do CEIP Agro do Muíño; na 2ª categoría, Diego Cacheiro Blanco, alumno de 2º de primaria do CEIP Agro do Muíño; e na 3ª categoría, Iria Núñez Filgueira, alumna de 5º de primaria do CEIP A Maía.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "El CIM entrega los premios del concurso de marcapáginas"