Pestanas principais

Condenan á empresa de Augas do Concello de Ames por vulneración da liberdade sindical

Martes, 07 de outubro de 2025

O Xulgado do Social Nº1 de Santiago de Compostela vén de condenar ao Concello de Ames, a través da empresa pública Augas de Ames, a indemnizar ao anterior delegado de persoal da empresa e ao sindicato nacionalista CIG con 7.500€ a cada parte por vulneración de dereitos sindicais.

O Presidente da EPEL, titular da Alcaldía, decidiu pola súa conta e risco non convocar ao único delegado de persoal naquela altura, representante da CIG, ás reunións do Consello de Administración da empresa, aínda que nos estatutos aprobados indica no seu artigo 8 que o representante dos traballadores e traballadoras no Consello é un delegado de persoal.

Desde o BNG de Ames advertiron desde o primeiro momento, o día 22 de abril de 2024, da irregularidade que estaba a cometer o Presidente da entidade cun correo interno remitido aos membros da Corporación que forman parte do Consello de Administración.

Sen ter resposta por parte do alcalde, indicaron en cada sesión do Consello de Administración posterior a súa discrepancia coas convocatorias de sesións, ao considerar que todas estaban irregularmente convocadas.

Cómpre resaltar que foron o único partido político que votou en contra das actas destas sesións que non se atiñan á legalidade estatutaria da empresa e o único partido que advertiu ao alcalde das graves consecuencias da súa actitude, por activa e por pasiva.

O Xulgado vén de darlles a razón aos continuados avisos que fixeron pero ven que nas convocatorias segue a convocarse a quen ao alcalde lle parece, pois na última sesión do Consello, do 16 de xullo de 2025, asistiu unha persoa que xa non é delegada de persoal e que foi revocada polos mesmos traballadores e traballadoras da EPEL en asemblea celebrada o 27 de xuño de 2025, co que prevén novas demandas e novas indemnizacións que terán que pagar todos os amesáns e amesás con cartos públicos.

Desde o BNG de Ames seguen advertindo desta ilegalidade manifesta cometida polo Alcalde, tanto nos Consellos de Adminstración da EPEL Augas de Ames como publicamente, así como tamén denuncian que se insista na vía xudicial e se sufrague esta, de novo, con cartos públicos, xa que se produciron contratos menores de contratación de avogados, cun importe polo de agora de máis de 7.500€ que, insisten, está a pagar toda a veciñanza do seu peto.

Condenan á empresa de Augas do Concello de Ames por vulneración da liberdade sindical