Pestanas principais

Concerto gratuíto de Sés este venres no Pazo da Peregrina

Mércores, 06 de xullo de 2016

[06-07-2016] A música de Sés chega este venres a Bertamiráns. A artista bergantiñá ofrece un concerto gratuíto este venres, 8 de xullo, no Pazo da Peregrina a partir das 22:00 horas. Nel interpretará temas do seu terceiro e último álbum en ver a luz, “Tronzar os valos”. Para continuar coa programación cultural desta semana o “Autoestopista galáctico”, espectáculo de novo circo, achegarase á Travesía do Porto este domingo, 10 de xullo, ás 13:00 horas.

O concerto de Sés é unha das citas musicais que trae este verán a Ames o programa “Cultura no Camiño”, organizado polo Concello de Ames e a Xunta de Galicia. A entrada ao Pazo da Peregrina será completamente gratuíta. Neste seu terceiro traballo, despois de publicar “Admirando a condición” e “Co xenio destrozado”, a cantante presenta un álbum onde mestura blues, rock e música latina sen deixar de lado a música tradicional que aprendeu dende pequena.

Sés fíxose coñecida como integrante do grupo Chámalle Xis! no ano 2007. Despois de traballar con músicos como Xabier Díaz, Xosé Bocixa ou Guillerme Fernández comezou a compoñer en solitario. Este venres, 8 de xullo, acompáñana no escenario o guitarrista Tito José Calviño, o baixista Pablo Cedeño e Miguel Queixás na batería.

O “Autoestopista galáctico” fai parada no Milladoiro
Ao longo deste verán algunhas das prazas amesás acollerán espectáculos gratuítos de novo circo. Unha destas actuacións terá lugar este domingo, 10 de xullo, no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro, a partir das 13:00 horas. O autoestopista galáctico é unha representación de ciencia-ficción que emprega o clown e un gran despregue de vestiarios, á vez que realiza xogos de equilibrio e lanza ao público monólogos cargados de humor.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "El pazo da Peregrina acogerá mañana un concierto gratuito de Sés"