[23-03-2016] A veciñanza de Ames, acompañada de representantes das forzas políticas e traballadores municipais, gardou esta mañá un minuto de silencio como mostra de repulsa polos atentados de Bruxelas e de solidariedade coas vítimas e as súas familias. As concentracións silenciosas tiveron lugar ás doce do mediodía diante da Casa do Concello en Bertamiráns e ao pé das Oficinas Municipais do Milladoiro.
“Con este pequeno acto tentamos reclamar e berrar en silencio contra a barbarie que supón un atentado como o de onte en Bruxelas ao mesmo tempo que queremos amosar a solidariedade coas vítimas”. Deste xeito resumía o alcalde de Ames, José Miñones a intención das dúas concentracións silenciosas que se levaron a cabo esta mañá en Bertamiráns e no Milladoiro.
O Goberno de Ames convocou onte á cidadanía a participar nestas concentracións. “Ames quixemos estar unha vez máis contra o terrorismo facendo esta concentración”, manifestou o alcalde José Miñones ao remate do acto. Miñones manifestou ademais que “o problema de fondo está aí patente, é un problema que non se resolve con estes minutos pero os xestos son necesarios e nós desde Ames queremos apoiar e facernos participes dos diferentes actos que se van facer en toda Europa contra o terrorismo”.
Nas concentracións participaron moitos veciños e veciñas do Concello, ademais de traballadores municipais e representantes das forzas políticas amesáns.




