- Tematica
O bar O Transistor acollerá o vindeiro mércores, 11 de marzo, ás 20.00 horas, a preestrea do primeiro capítulo da serie audiovisual Música na Factoría, unha colaboración de Nós Televisión e Concello de Ames, que pon o foco na creación musical que xorde arredor da Factoría e nos grupos que empregan este espazo de ensaio no concello de Ames. A entrada ao evento será libre ata completar aforo
O capítulo inaugural contará coa participación do artista Luís Fercán e do grupo Glasgow 15, unha das bandas que ensaian actualmente na Factoría. Ao longo do episodio poderase coñecer máis de preto o traballo e a música de Glasgow 15 a través dunha reportaxe sobre a banda e os seus integrantes, así como dunha conversa entre a xornalista Xiana Arias e Luís Fercán.
Música na Factoría, dirixida e conducida por Xiana Arias, contará cunha primeira tempada composta por catro capítulos de entre 20 e 30 minutos de duración. Cada episodio combinará unha reportaxe cun dos grupos que ensaian na Factoría, para dar a coñecer os seus proxectos musicais, cunha entrevista a artistas de referencia do panorama musical galego vinculados dalgún xeito co municipio de Ames.
Tras esta preestrea, o primeiro capítulo estará dispoñible a partir do sábado 14 de marzo nas canles do Concello de Ames e tamén nas de Nós Televisión. O programa poderá verse na súa canle de YouTube, ademais de contar con difusión e promoción a través da súa web e redes sociais. Así mesmo, estará dispoñible na plataforma de R para toda Galicia e en Movistar Plus+ para todo o país.
Con este proxecto audiovisual refórzase o papel da Factoría como espazo de creación cultural e musical, ao tempo que se impulsa a visibilidade das bandas emerxentes e se promove o intercambio de experiencias entre artistas consolidados e as novas xeracións da música galega.










