- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, mantiveron hoxe unha xuntanza na sede da Deputación da Coruña para tratar temas de interese para o Concello de Ames como poden ser a extensión da colaboración provincial para manter a OTC de Ames e o arranxo e cesión da antiga estrada provincial DP-0205 que transcorre dende a Condomiña a Bugallido. O rexedor foi acompañado polos técnicos municipais e o concelleiro de Medio Ambiente, Javier Antelo.
A Deputación da Coruña seguirá colaborando coa OTC de Ames, estendendo dese xeito a colaboración iniciada en febreiro do ano 2024 coa sinatura dun convenio de cofinanciamento de actividades. Dende o Concello de Ames solicitouse a colaboración da Deputación para a análise técnica de proxectos e o posterior soporte para levar a cabo as infraestruturas necesarias. Fomentar a colaboración entre as distintas oficinas provinciais será vital para que “un claro proxecto de futuro”, tal e como tildaron o rexedor e o presidente, avance e chegue a bo porto.
As comunidades enerxéticas locais son formas de autoconsumo colectivo no que os participantes se benefician da enerxía que producen. É dicir, é coma se a nosa vila; incluíndo vivendas, comercios ou industrias, compartisen a enerxía que producen para facer un uso máis sostible e xusto. Por norma xeral, as comunidades enerxéticas locais utilizan a enerxía solar fotovoltaica para xerar a enerxía que logo se vai a repartir entre os membros da agrupación. Ademais, non é necesaria a instalación de paneis solares entre todos os participantes, o que fai que este sistema sexa moi accesible para quen non ten os recursos necesarios.
A función da Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames fundaméntase como punto de referencia e asesoramento para o fomento de comunidades enerxéticas a nivel local. Trátase dunha iniciativa para aumentar a produción de enerxía desde a proximidade cunha visión comunitaria e participativa desde as parroquias que conforman Ames, así como no territorio dos municipios da área occidental da provincia da Coruña, ademais de servir para avanzar na transición cara a un modelo enerxético descarbonizado.
Mellora da DP-0205 dende a Condomiña a Bugallido
O alcalde e o presidente da Deputación trataron tamén o proxecto de mellora da DP-0205 dende a Condomiña a Bugallido. García e Formoso chegaron o ano pasado ao compromiso de arranxo e cesión do viario por parte da Deputación unha vez elaborase Ames o proxecto.
As actuacións previstas centraranse na creación de novas infraestruturas peonís e na mellora das existentes, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria. Así mesmo, contemplarase a renovación do firme da estrada e a implantación de novas medidas de ordenación do tráfico que contribúan a mellorar o comportamento dos vehículos na vía.
O proxecto construtivo xa se atopa na Deputación para a súa análise por parte dos técnicos provinciais. Unha vez analizado, será licitada a obra para a súa execución. Posteriormente este viario será cedido ao Concello de Ames.
A estrada DP-0205 1R, que conecta Bertamiráns con Ramallosa, ten unha lonxitude total de 3,11 quilómetros, e prevese intervir ao longo da súa totalidade. Na situación actual, a vía presenta un grave problema no que respecta á mobilidade peonil, derivado fundamentalmente da carencia de infraestruturas adecuadas que garantan o desprazamento seguro a pé.
Actualmente, a plataforma da estrada mantén, ao longo do seu percorrido, unha anchura variable entre 5 e 7 metros, sendo a máis frecuente a primeira dimensión. A pesar desta limitación, permítese a circulación de vehículos en ambos sentidos.
No que atinxe á mobilidade peonil, os case 3 quilómetros da vía apenas dispoñen de tramos habilitados para o tránsito a pé. Unicamente existe unha beirarrúa executada con baldosa hidráulica entre os puntos quilométricos 1+190 e 1+640, e mesmo neste treito a continuidade non está garantida en ambas marxes. No resto da estrada, agás nalgún punto illado, os peóns vense obrigados a transitar pola pola propia calzada. Estas condicións implican un risco constante para as persoas que empregan a DP-0205 1R para desprazarse a pé.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La Diputación renovará su apoyo económico a la oficina de transición energética de Ames"
Diario de Santiago: "Concello de Ames e Deputación da Coruña colaborarán para estender a vixencia e mellorar OTC de Ames"





