Pestanas principais

Concello de Ames e BBVA rubrican a operación de tesouraría que achegará 2.775.000 euros ás arcas municipais para pagamentos a provedores

Mércores, 15 de febreiro de 2012

[15-02-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o director de Institucións do Banco Bilbao Vizcaya Argentaria na provincia da Coruña, Joaquín María García Allut, asinaron esta mañá a formalización da operación de tesouraría que permitirá ao Concello de Ames dispor dun límite máximo de 2.775.000 euros, a través dunha conta de crédito, para afrontar de xeito inmediato pagamentos de facturas a provedores.

Segundo explicou o alcalde Santiago Amor, "esta operación de tesouraría vainos permitir iniciar xa un plan de pagamentos de facturas aos nosos provedores e ter crédito suficiente para afrontar os próximos meses". "Somos conscientes da importancia que ten para as empresas contar con liquidez nun momento tan complicado como este e, neste sentido, quixemos afrontar o problema de cara", apuntou o alcalde. O actual acordo "demostra que o Goberno municipal está a procurar respostas áxiles, reais e eficaces ante a crítica situación económica que estamos a vivir, ese é o noso principal compromiso", engadiu o alcalde.

Amor lembrou que "herdamos o Concello nunha situación económica caótica derivada da falta de planificación dos anteriores responsables municipais, que permitiron un incremento progresivo do gasto corrente facendo caso omiso das recomendacións dos técnicos". Como consecuencia, asegurou o alcalde, "nós vémonos obrigados a traballar contra corrente, cos orzamentos prorrogados de 2010, pero como hoxe se demostra avanzamos na procura de solucións".

A contratación desta operación responde ás necesidades constatadas polo departamento de Tesouraría do Concello de Ames, que nun informe expoñía que a configuración do calendario do contribuínte estaba a crear picos de ingresos con picos de falta de liquidez. Nesta dinámica, ata finais de ano non se recada o Imposto de Bens Inmobles (IBI), o tributo de maior capacidade recadadora, o que obriga ao Concello a adiantar pagos a provedores.

A contratación desta operación conta co informe favorable dos servizos de intervención do Concello de Ames, que acreditaron que a Administración local pode soportar os intereses que xerará esta operación de crédito. A contratación, anunciada debidamente no perfil do contratante, non será un préstamo para o Concello, senón que consiste nun anticipo do que as arcas municipais ingresan a final de ano a través dos impostos.