Pestanas principais

O Concello de Ames asina un convenio de colaboración coa Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil de Ames

Martes, 03 de novembro de 2020

O alcalde de Ames, José Miñones, mailo presidente da Agrupación de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil, Juan Pérez Crespo asinaron un convenio mediante o cal a Agrupación recibirá, con cargo aos orzamentos do ano 2020, unha subvención por valor 17.000 euro. Desta cantidade, 9.200 euros dedicaranse a gasto corrente de funcionamento e 7.800 a gastos de material inventariable. No que vai de ano Protección Civil de Ames interviu en preto de 800 operativos entre os que destacan accidentes de circulación, rescates, incendios urbanos e forestais e labores derivadas da crise da COVD19.

O convenio asinado o pasado 28 de outubro establece dúas liñas de investimento para a subvención. 9200 euros serán destinados os gastos correntes de funcionamento da Agrupación, tales como adquisición de materiais de loita contra incendios, sanitarios e de emerxencia, uniformes, desprazamento e telefonía. Está previsto que os restantes 7.800 euros se destinen neste exercicio a asuntos como complementar o remolque con bomba de auga, adquirir material sanitario non funxible, equipamento de telecomunicacións e equipamento informático.

Para o concelleiro de Protección Civil, Blas García, e imprescindible seguir apoiando e investindo en Protección Civil xa que "a labor que realizan desde a súa creación é moi importante e necesaria, e agora este concello tería unha carencia enorme sen o servizo que prestan as voluntarias e voluntarios de Protección Civil". "Toda a axuda que poidamos prestar desde o concello ten que ser considerada como un investimento en seguridade e protección dos veciños e veciñas de Ames", conclúe Blas García.

Pola súa banda, o presidente da Agrupación, José Pérez Crespo, considera de vital importancia esta achega: “A Agrupación de Protección Civil en Ames ten poucos anos de vida e todo o que nos serva para complementar os nosos medios favorecerá sen dúbida o servizo que prestamos, porque aínda que somos voluntarios e voluntarias pretendemos exercer os nosos labores do xeito máis profesional posible.

“Nun servizo de emerxencia nos auxiliamos e complementamos aos profesionais e nese senso temos esas necesidades. Por exemplo, chegamos a un accidente e mentres actúa a policía ou as ambulancias, nós regulamos o tráfico ou limpamos a vía e aí necesitamos medios desde conos até epis, cascos, botas e todo o material de emerxencias”. “Temos un remolque que nos cedeu o concello e que viña cunha bomba de auga que serve para labores de limpeza e desinfección e para unha actuación primeira nun pequeno incendio, pero necesitamos complementalo e dotalo de material para mellorar e facer máis eficaces as nosas actuacións, con esta subvención poderemos afrontalo”, engade Pérez Crespo.

Preto de 800 accións no que vai de ano
A presenza da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil, tanto en actos e eventos municipais e cidadás, como en sucesos imprevistos é notoria desde a súa posta en marcha en Ames no ano 2017. Só desde o 1 de xaneiro deste ano 2020 e até a actualidade, Protección Civil de Ames contabiliza 786 accións.

O colectivo interviu nestes meses en 74 accidentes de estrada, recolleu 70 animais soltos, prestou 2 asistencias sanitarias, actuou en 29 incidencias de circulación, fixo 196 operativos, atendeu 11 verteduras, estivo presente en 5 salvamentos de rescate, foi requirida nunha ocasión por forzas de seguridade e noutra para ofrecer información xeral e contabiliza 397 partes doutras incidencias, tais como incendios urbanos e forestais, vixilancia do camiño de Santiago e apoio en labores derivadas da crise do coronavirus.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Convenio para la colaboración municipal en Ames con Protección Civil"

El Correo Gallego: "A Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil de Ames recibirá unha subvención de 17.000 euros"

Sinatura protección civil.