Pestanas principais

A Concellería de Xuventude lanza un boletín bimensual con información práctica para a mocidade amiense

Mércores, 09 de maio de 2012

[09-05-2012] A través desta iniciativa, a Concellería de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude busca manter informados aos mozos de todas as posibilidades que teñen ao seu alcance. A publicación inclúe información útil sobre recursos dispoñibles, programas e actividades e sobre as últimas novidades que sexan de interese para os máis novos. O boletín estará dispoñible na web do Concello, a través das redes sociais e noutros puntos do municipio, como poden ser a OMIX, no Punto de Información Xuvenil do Milladoiro ou no que está emprazado no IES de Ames. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o boletín bimensual INFOXOVE con información práctica para a mocidade amiense.

O Concello de Ames, a través da Concellería de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, vén de poñer en marcha a publicación dun boletín bimensual no que se ofrecerá á xuventude amiense información de utilidade sobre todas as novidades que poidan ser do seu interese. O boletín estará dispoñible na web do Concello, a través das redes sociais e noutros puntos do municipio, como poden ser a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), no Punto de Información Xuvenil do Milladoiro ou no que está emprazado no IES de Ames.

O boletín Ames Infoxove recolle nas súas páxinas novas sobre formación, emprego, asociacionismo, ocio e tempo libre, ou recursos dispoñibles, entre outros datos. A concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, destaca que con esta iniciativa “pretendese poñer en valor a promoción e participación da mocidade na vida municipal, adecuando a oferta municipal á demanda da xuventude do concello de Ames”. No primeiro número, que comprende os meses de maio e xuño, explícanse cales son as funcións e obxectivos da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do concello, onde se atopa situada e como se pode contactar con ela. Ademais, detállanse as posibilidades que ofrece aos mozos de Ames a solicitude do Carné Xove, que se expide na OMIX.

As últimas novidades

En Ames Infoxove, os mozos do municipio tamén poderán encontrar as últimas novidades e actividades organizadas polo Concello. Deste xeito, neste primeiro número poderán obter información sobre os campamentos que se levarán a cabo este verán; sobre o primeiro certame de carteis co que se conmemorará o día internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas e sobre actividades xa desenvolvidas como o obradoiro de asociacionismo e participación xuvenil ou as segundas Xornadas sobre a Violencia de Xénero, que trataron as consecuencias desta na adolescencia.

O Boletín Ames Infoxove tamén incorpora información sobre as actividades que se desenvolven a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia. Neste apartado, destacan nos meses de maio e xuño os programas Roteiros para a Xuventude, Condución Segura e o Programa Conecta. A través desta nova iniciativa, a Concellería de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude busca manter informada á mocidade de Ames de todas as posibilidades que teñen ao seu alcance. Por esta razón, no boletín inclúese unha sección na que tamén se lles informa das actividades que se desenvolverán proximamente. Neste primeiro número, avanzáselles que se levará a cabo unha actividade de rafting no Ulla, e de que nos meses de xuño, xullo e agosto celebrarase a campaña para a prevención e redución do abandono escolar.

Ademais, inclúese o calendario das actividades de interese que se celebrarán no Concello entre os meses de maio e xuño, tales como teatro, probas deportivas, excursións ou concertos. Para os vindeiros números, os mozos e mozas amienses poderán facer chegar á Concellería de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude as súas suxestións sobre os temas de interese que lles gustaría ver reflectidos no boletín. As canles de comunicación serán o correo electrónico omix@concellodeames.org e as redes sociais.