[15-08-2018] A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, ao longo do próximo mes de setembro, o desenvolvemento do “Taller de competencias emocionais e sociais para o benestar e a inclusión social”, dirixido ás mulleres amesás. Esta actividade, organizada pola concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Ames, está dividida en catro obradoiros a través dos que se busca facilitarlle ás mulleres do concello ferramentas para desenvolver as súas habilidades sociopersoais.
A concellería de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Ames está a organizar para o mes de setembro unha serie de talleres que xirarán en torno ao desenvolvemento de competencias emocionais e sociais para o benestar e a inclusión social das mulleres. Esta actividade terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, na praza Chavián, todos os xoves de setembro en horario de 17.00 a 19.00 horas.
A programación desta serie de obradoiros comezará o xoves 6 de setembro con ‘Ioga: corporalidade consciente’. O segundo, que se desenvolverá o día 13, versará sobre ‘A sexualidade: claves para mellorar a comunicación en parella’, mentres que o do día 20 xirará en torno ao benestar e a nutrición, e como sentirse mellor a través da alimentación. Por último, este grupo de sesións rematará o día 27 coa clase ‘Benestar en movemento’.
Tramitación das inscricións
Todas aquelas interesadas en participar nesta actividade poderán inscribirse de forma gratuíta nos teléfonos 981 53 59 41 ou 981 89 09 64, onde tamén poderán obter máis información. O Concello de Ames busca así estimular á poboación amesá a expandir as súas capacidades sociais e persoais.




