Pestanas principais

A Concellería de Muller presenta a campaña “Ser xove non te inmuniza contra a violencia machista”

Martes, 22 de novembro de 2011

[22-11-2011] A Concellería de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, pon en marcha a campaña “Ser xove non te inmuniza contra a violencia machista” que se vai dar a coñecer durante esta semana e con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres do vindeiro 25 de novembro. A concelleira desta área, María González, explica que “este ano a campaña se centra nos máis novos xa que é preciso conciencialos deste problema social”, “a sociedade ten que estar atenta a calquera sinal e denunciar, e máis aínda se as víctimas son menores” engade a concelleira.

O Concello de Ames ten programado para o mércores día 23 de novembro unha charla ás 11.30 no IES Ames na que Alejandro Gómez, un policía nacional do Sindicato Unificado de Policía (SUP) abordará o tema da violencia de xénero presentando o tema da violencia contra as mulleres ós xóvenes con casos prácticos para xerar debate e implicación. A este acto asistirán a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a Concelleira de Asociacionismo, Xuventude, Muller e Igualdade, María González, así como representantes dos distintos grupos municipais.

O Concello de Ames organizou outro acto de cara ao 25 de novembro ás 20.30 na Casa da Cultura de Milladoiro. Trátase dun acto institucional no que se lerá un manifesto conxunto das tres forzas políticas con representación na corporación amiense. A continuación representarase a obra teatral "Ceg@s" que se encadra dentro da V Mostra de Teatro afeccionado do Concello de Ames, representada pola Escola de teatro municipal de Muros.

Dende o Concello maniféstase un rotundo rexeitamento a esta lacra social que supón a violencia machista e xa nos últimos anos se realizaron campañas similares co mesmo fin.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames centra en los jóvenes los actos sobre violencia de género"