[19-08-2011] O Concello de Ames recibiu novas facturas con data do mes de xuño da empresa que xestionaba o servizo do obradoiro de baile tradicional, gaita e percusión por valor de 6.000 euros. Deste xeito o aforro na nova xestión duplica as previsións que hai unha semana anunciara Alfonso Rey, concelleiro de Cultura, e pasa de 7.000 a 18.000 euros. O novo proxecto no que traballa Alfonso Rey pretende mellorar a calidade do servizo ao tempo que avoga por unha mellor xestión e pola valorización do mesmo.
Entre outubro e maio a antiga empresa adxudicataria do servizo do obradoiro facturoulle ao concello 27.688 euros, pero no mes de xuño esta mesma empresa presentou facturas por valor de máis de 6.000 euros. O edil de cultura explica que nos oito anos que se leva prestando este servizo municipal a concesionaria do mesmo non foi quen de formar un grupo de gaitas en Ames e por iso agora pensa nun proxecto de futuro que mellore o servizo prestado ata o momento.
O concelleiro de Cultura, Alfonso Rey, considera que o servizo municipal que había ata o de agora non cubriu todas as expectativas que se lle presupoñen a un servizo deste tipo, e por iso agora se busca un proxecto máis sólido. Alfonso Rey avoga por un servizo útil para todos e de calidade.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El gobierno de Ames acusa al PSOE de promover «chiringuitos» culturales"




