Pestanas principais

A concelleira en funcións de Promoción Económica, Emprego, Medio Ambiente e Turismo fai balance da actuación feita nestas áreas durante os últimos catro anos

Xoves, 09 de xuño de 2011

[09-06-2011] A Concelleira en funcións, Úrsula Seijas, compareceu este mércores en rolda de prensa para facer balance das iniciativas levadas a cabo nestes últimos catro anos en materia de Promoción Económica, Turismo, Emprego e Medio Ambiente, áreas das que se encargou durante este tempo, no Concello de Ames. Esta rolda de prensa enmárcase dentro do programa que está levando a cabo o goberno en funcións de Ames para realizar un proceso de sucesión ordenada.


Dende a área de Promoción Económica a concelleira en funcións destacou a labor de promoción, dinamización e apoio ó tecido empresarial e comercial a través de diferentes iniciativas. Entre elas hai que destacar as campañas de fomento das compras (iluminación, concurso e curso de escaparatismo, ludoteca Nadal...), en épocas tan importantes como é a de Nadal. Ademais creouse a Rede Calidade en Galego, xunto coa concellaría de Cultura e o Servizo de normalización lingüística, que supuxo unha marca para os máis de 200 comercios que forman parte dela. Deste xeito buscouse aumentar a competitividade asociando o galego a un sinal de modernidade e de diferenciación.

Así mesmo, leváronse a cabo programas como o de Animación do Comercio na rúa, para dinamizar o comercio local e a vida social urbana creando un ambiente de diversión a través de diferentes actividades. Seijas destacou que o obxectivo primordial desta iniciativa é o de atraer xente á rúa. Para captar unha maior clientela tamén se creou a primeira Guía de Compras, un instrumento fundamental que facilita o maior e mellor coñecemento do tecido comercial no concello. Ademais de actuar como dinamizadora comercial estableceu un contacto directo cos comercios para mellorar a xestión e a organización de actividades.

Dende a Concellaría de Promoción Económica establecéronse medidas para o apoio directo ás asociacións de empresarios e comerciantes a través das subvencións directas ou coa celebración de diferentes eventos como é o caso da Expoliquidación. Tamén o Concello conta cun servizo de asesoramento e información para empresarios e emprendedores. Úrsula Seijas destacou a elaboración dun Estudo de Situación do Pequeno Comercio que "permitiu obter unha diagnose do noso tecido empresarial e comercial a partir do cal se elaborou un Plan de Acción como medida para acadar unha situación máis competitiva no mercado". Este estudo é destacable pola transcendencia que ten para o sector e servirá como folla de ruta ó sector para acadar unha posición máis competitiva, no que terán que tomar parte todas as partes implicadas: o Concello, as Asociacións e os Comercios.

Outra das actuacións nomeadas pola concelleira foi o apoio que recibiu ó mercado de rúa en Bertamiráns, coa elaboración da primeira ordenanza reguladora do funcionamento do mercado de venta ambulante co obxectivo de regular, mellorar e diversificar o mercado, ou a través doutras accións como unha subvención que foi concedida e que queda pendente de investir na mellora dos equipamentos e infraestruturas.

Neste intre está solicitada unha subvención para un proxecto de promoción e dinamización da hostalaría de Ames e outra para ampliar a dotación de prazas de aparcamento no Milladoiro, ó igual que se fixo en Bertamiráns. Nesta área, a través dunha subvención, contratouse en decembro un Axente de Emprego e Desenvolvemento local, que principalmente se centra na promoción do tecido comercial e empresarial, obxectivo primordial na Concellaría.

Emprego

Dende a área de Emprego, a pesar de que as políticas de emprego non son estritamente de competencia municipal e tendo en conta a situación actual do mercado de traballo, contribuíuse na medida do posible con diferentes ferramentas a fomentar o emprego.

Apostouse pola formación para o emprego. Seijas dixo que "a situación actual do mercado de traballo require dun axuste e esforzo continuo nos ámbitos con potencial de empregabilidade, así máis de 390 desempregados recibiron formación e prácticas en programas do concello cada ano, cunha media de 15 cursos de formación e práctica laboral ó longo do ano". Ademais, conscientes da necesidade de contar con equipamentos propios nos que desenvolver e concentrar as distintas accións, recuperouse un espazo que levaba parado moitos anos para convertelo no futuro Centro Municipal de Formación e Emprego, e que se encontra nestes momentos en execución. Queda solicitada unha subvención para dotar dos elementos necesarios a este edificio.

Paralelamente traballouse pola inserción a través da creación en decembro do 2007 do Servizo de orientación laboral, que presta asesoramento e apoio na busca de emprego, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, con máis de 2.500 usuarios. Ademais instaláronse dúas terminais, nestes dous núcleos urbanos, como Puntos de información que facilitan en gran medida as comunicacións e xestións co Servizo Público de Emprego evitando desprazamentos innecesarios. Neste campo tamén se traballou a través das contratacións anuais derivadas dos programas municipais cos programas de cooperación.

Outra das iniciativas nomeadas por Úrsula Seijas, no empeño da inserción laboral foi o programa experimental integrado para o emprego InserAmes, iniciado no ano 2007, o cal a través dunha estratexia baseada na información, orientación, formación (transversal e específica) e prácticas non laborais logrou máis de 100 insercións, cunha media de 25 por ano. Dende este departamento traballouse na formación, apoio e asesoramento empresarial, con máis de 712 persoas que recibiron asesoramento, e a emprendedores, con 11 ILES nos últimos anos. Incluso ofrecéndolle un espazo propio como é o Viveiro de Empresas, que se puxo en marcha primeiro a través do proxecto Equal e logo a nivel municipal co regulamento e concesión de despachos.

A rolda de prensa continuou coa Concelleira nomeando outras iniciativas como a do obradoiro Ames Solar, que se realizou co obxectivo de apoiar o desenvolvemento sostible. Esta medida deu traballo durante un ano a 32 persoas e formación a 26 desempregados que acabaron sendo instaladores de enerxía solar térmica. Seijas declarou que foi un proxecto moi importante "pola súa transcendencia, non só a nivel de emprego senón tamén a nivel ambiental o dotar ó Concello de importantes medidas de aforro enerxético". Grazas a instalación de paneis solares en diferentes edificios públicos como a Escola infantil O Bosque, pavillón polideportivo do Milladoiro e Bertamiráns ou ao local do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, situado en Tapia, o Concello será máis sostible xa que se deixarán de emitir máis de 10.000 kg de dióxido de carbono ó ano, producindo máis do 70% da enerxía necesaria para dispor de auga quente e o aforro económico anual tamén será alto.

Por outro lado continuouse co programa de agricultura sostible AMORODO, apoiando a formación e creación dunha rede de comercialización no ámbito local de alimentos sans. Facilitando a creación dunha Asociación de produtores locais, mediante a cesión de locais para o seu uso, o apoio técnico e a difusión dos principios dunha agricultura e un consumo de proximidade. Dende a área de Emprego atendéronse diariamente todas aquelas dúbidas e solicitude de información que plantexaron os administrados en relación ós recursos formativos para o emprego, ofertas, axudas, entre outros.

Medio Ambiente

Seijas destacou a valorización, difusión e conservación de moitos dos espazos naturais do Concello, como a ruta de Riamontes. Neste caso traballouse no mantemento e promoción da ruta a través da colocación de paneis interpretativos, un novo e máis completo folleto divulgativo ou o co estudio da súa fauna e flora e que deu lugar a unhas completas guías de campo da particular extraordinaria fauna e flora que pouse esta ruta. Esta guía foi elaborada co obxectivo de poñer en valor este patrimonio natural e para lembrarnos que a conservación da natureza non é so unha obriga ética senón tamén unha necesidade para o ser humano. Seijas comentou ademais que "estas guías son o froito do traballo de moitos anos e acaban de ser entregadas. Queda agora a súa difusión e trasladar á cidadanía este traballo, do que moitos espazos naturais carecen".

Neste ámbito tamén se levaron a cabo diferentes traballos que tentan frear o deterioro do Sar e as súas ribeiras a través das sucesivas brigadas que veñen traballando nese obxectivo e desbrozando, limpando e acondicionando o itinerario ambiental As Beiras do Río Sar. Creado para concienciar da situación actual do río e da necesidade de seguir coidando e para que coñezan os motivos polos que se atopa neste estado xunto co actual proxecto piloto de técnicas de restauración de marxes e ribeiras. Seijas comentou que actualmente está concedida unha nova brigada, pendente de contratar, e está en execución un proxecto piloto de técnicas de restauración de marxes e ribeiras no río, en zona Rede Natura, que é subvencionado.

A rolda de prensa continuou cos labores de educación ambiental, a través do que se apostou por abordar os temas ambientais dun xeito positivo, participativo e de acción, tanto para o público en xeral como para os nosos escolares (só neste último ano participaron máis de 1.600 persoas). "O longo do ano realizamos obradoiros, actividades, excursións, saídas, cursos, etc. que pretenden achegar os valores e diferentes temas ambientais dun xeito lúdico". Ademais agora, deuse un paso máis na educación ambiental ca recuperación da antiga escola unitaria da Ameixenda convertida en sede da Aula da Natureza, ó contar dun lugar propio onde poder continuar con esta labor.

A concelleira declarou que supón unha ferramenta didáctica onde se puxo en práctica a maior das cuestións que se ensinan no tocante á enerxías renovables, adecuación á paisaxe, reutilización de augas grises, usos sostibles do monte, entre outros. "Ábrense así un montón de posibilidades de futuro para ampliar a oferta educativa". Conta ademais con aseos e unha pequena cociña co que permite estadías curtas. O seguinte paso neste proxecto sería a dotación da exposición permanente, a temática elixida é a Biodiversidade, por iso a fotomontaxe que se encontra na entrada do edificio.

Por outra banda realizáronse campañas de sensibilización ambiental para a concienciación e implicación individual.

O impulso na utilización de enerxías renovables e de políticas de aforro e eficiencia enerxética, non sé se realiza a través da educación ambiental. Para iso realizouse un obradoiro de emprego a través do cal se efectuaron diferentes medidas de aforro enerxético nas instalacións municipais. Ademais, actualmente estanse realizando tres auditorías enerxéticas nas dúas casas da cultura e na casa concello, subvencionadas por INEGA.

Por outra banda, nos últimos anos organizáronse os campamentos escolares, xunto con Educación, para nenos de infantil ata primaria. No apartado de educación ambiental, Úrsula Seijas, destacou que "somos o único concello de Galicia cun Monte Escolar, onde os rapaces poden manter un contacto directo co monte ó tempo que contribúen a súa conservación e onde desenvolvemos o Programa de Valorización do Monte e Prevención de Incendios forestais.

Outra das medidas mencionadas foi o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra incendios forestais a través do cal se realizaron accións como: a determinación dunha estrutura orgánica integrada nun operativo de actuación, así como unhas directrices e manuais de actuación na prevención e na extinción, a compilación a través dunha ferramenta SIX de toda a información necesaria para a xestión deste risco e a vixilancia nos períodos de alto risco; a limpeza e arranxo de vías e camiños municipais; achegouse información e asesoramento aos propietarios dos terreos e creouse unha ferramenta para traballar na prevención e recuperación ambiental do chan forestal durante todo o ano, e non só na temporada estival, que consiste en ofertar convenios de repoboación para os propietarios que dispoñen de fincas incluídas nas faixas de especial protección e preto de núcleos poboacionais. A día de hoxe hai máis de 28.000 metros cadrados repoboados.

Ademais, elaborouse un Plan de emerxencias municipal, en colaboración co Laboratorio do Territorio, dependente da USC, que marcará un antes e un despois, xa que a partir do momento en que este plan sexa aprobado de xeito definitivo polo Pleno, disporase dunha ferramenta técnica e dinámica apoiada nun Sistema de Información Xeográfico, que servirá para unha xestión da información territorial para todos os departamentos municipais. O plan determina os recursos, as entidades, mecanismos e pautas que hai que seguir para abordar diferentes situacións de risco (incendios, inundacións, seca, aglomeracións, etc). Seijas continuou nomeando a brigada de garda ambiental que vela polo cumprimento diario das normativas ambientais pola mellora do contorno natural. Tamén se fixo referencia a xestión e manexo no decomiso de cans perigosos que tiveron especial incidencia no lugar de Costoia, feito especialmente sentido polos veciños que estaban a soportar problemas de salubridade e seguridade dende moitos anos atrás. A Concelleira cualificou a xestión como "unha actuación que requiriu dun procedemento longo e complexo no que se participou no operativo da colaboración de actuacións e efectivos da administración local, autonómica e xudicial".

Do mesmo xeito que en Emprego, dende a área de Medio Ambiente atendeuse a todas aquelas dúbidas e xestións dos administrados, en relación a diferentes competencias, como puideron ser os animais abandonados, os vertedoiros incontrolados, as distancias forestais, o cumprimento da lei de prevención de incendios, a expedición de licencias administrativas de animais potencialmente perigosos, entre outras, recibindo nestes catro anos máis de 600 escritos.

Turismo

Dende a área de Turismo púxose en valor o patrimonio natural, material e inmaterial do Concello, algo fundamental para a cohesión social e sentido de pertenza ademais de para xerar actividade económica. Por iso se fomentou o aprecio xeral do noso patrimonio mediante a educación, información e promoción a través de diferentes ferramentas como foron: a implantación do servizo de información de recursos e servizos turísticos; o primeiro mapa de información turística e os primeiros rueiros, tanto en formato papel de bolsillo como en dixital xeoreferenciado, e o mapa multimedia, co obxectivo de aproveitar as vantaxes das TICS para dar a coñecer Ames e o seu potencial.

Seijas continuou a rolda de prensa nomeando outros traballos como a edición de material promocional propio: postais, pósters e folletos. No que facían constancia elementos de valoración, comunicación e difusión dos nosos recursos para promover Ames como destino turístico. Ademais impulsáronse novas iniciativas de turismo como o turismo activo, as rutas GPS, entre outros. Paralelamente avanzouse na ampliación e mellora do servizo e da sinalización das áreas de autocaravanas. Realizáronse dous estudos, xunto con Patrimonio, sobre o patrimonio material como sobre o inmaterial e recuperación da memoria histórica. Ambos os dous estudos identificaron e documentaron os recursos patrimoniais de Ames co que "son ingredientes básicos e fundamentais para poder desenvolver a partir de agora un montón de iniciativas de conservación, valorización e difusión, así como deseñar e crear produtos de carácter turístico-cultural para diferentes idades".

Na área de turismo tamén se fixo un arquivo fotográfico profesional co obxectivo de dotar ao concello dun arquivo de fotografías do seu patrimonio ambiental e patrimonial de calidade. Un dos primeiros froitos destes dous traballos son os folletos dos camiños de Santiago cos que se valorizou e promocionaron os camiños que pasan por Ames. Para rematar a rolda de prensa, Úrsula Seijas falou do álbum fotográfico que está en execución, e que conta cunha subvención co que se persegue a promoción e difusión da riqueza patrimonial, paisaxística e arquitectónica do noso Concello. "Este traballo será dunha grande axuda para mostrar e dar a coñecer a grande riqueza e valores patrimoniais cos que conta o noso territorio, así como fomentar o aprecio e estima polos elementos e espazos representados, espertando, ao mesmo tempo, a conciencia pola súa conservación e valorización por parte da poboación local, que na maior parte das veces, precisamente por estar tan próximos, pasan desapercibidos".

Por último, a concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, agradeceu o traballo de todos os traballadores/as das diferentes áreas que están dentro desta concellaría. "Eu sempre destaco a importancia do equipo e sen o traballo de todo o equipo de traballadores/as que conforma esta concellería sería imposible executar todos os proxectos que levamos a cabo durante estes últimos catro anos nos que estiven ao fronte da concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente".


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Seijas destaca el trabajo de apoyo del Concello de Ames al comercio local"