[12-08-2011] Con motivo da celebración do día Internacional da Xuventude o próximo venres día 12 de agosto, o concello de Ames, e especialmente a concellería de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude convida a tódolos mozos e mozas, así coma aquelas persoas que así o desexen, a achegarse ao Concello para transmitir as súas inquedanzas e proxectos. A Concelleira de Xuventude, María González, convida aos mozos e mozas a trasladarlle as súas inquedanzas ao Concello tamén a través das redes sociais coma o facebook e o tuenti da OMIX de Ames.
Dende a concellería que dirixe, María González quere por en valor a promoción e participación dos mozos na vida municipal e para elo lembra que Ames dispón da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). "É importante que os amienses saiban que sempre serán escoitados e que é a nosa responsabilidade adecuar a oferta ao que eles demanden".
Dos 29.338 habitantes censados en Ames, 9.143 son persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos polo que os datos do padrón indícannos que o 31,60%, do total de habitantes son mozos e mozas, o cal supón unha cantidade de persoas xoves moi importante e reforza o feito de que Ames é un dos concellos de Galicia cun maior crecemento demográfico, duplicando nos últimos anos por 20 a súa poboación.
Atención ao público da OMIX de Ames
A OMIX está situada na Casa do Concello en Bertamiráns, os luns, mércores e xoves e na casa da cultura de Milladoiro os martes e os venres. Esta oficina ofrece o servizo de información, asesoramento e documentación especializado en temas de interese para os mozos e mozas en formación, ocio, axudas e subvencións, voluntariado, asociacionismo etc. Ademais a Oficina Municipal de Información Xuvenil leva a cabo tamén a organización e xestión de programas de actividades no concello, a tramitación do carné xove, e información sobre como poder obter outros tipos de carnés que permiten gozar de vantaxes e descontos en moitos bens e servizos.
Na OMIX tamén se pode recabar información sobre programas da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado como por exemplo "xuventur", "xuventude en Acción" e "Campaña de verán". Ademais a OMIX está conectada ás redes sociais para ser máis accesible a tódolos cidadáns e para adecuarse ás prácticas de comunicación que teñen hoxe en día os mozos e mozas.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "La OMIX de Ames se abre a las redes sociales para implicar a los jóvenes"




