Pestanas principais

A concelleira de Servizos Sociais participa nun seminario sobre educación en desenvolvemento organizado polo Fondo Galego de Cooperación

Mércores, 04 de maio de 2016

[04-05-2016] A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e o técnico do Concello Leonardo Pena, participaron no seminario “Intercambios en metodoloxías e materiais de educación para o desenvolvemento”, organizado polo Fondo Galego de Cooperación para o Desenvolvemento. O encontro tivo lugar este luns, 3 de maio, en Pontevedra coa presenza de representantes das entidades administrativas socias do Fondo, así como de distintas institucións e ONG alemás, holandesas e portuguesas.

Para a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade estes encontros son unha oportunidade para “comprobar e facer un seguimento dos programas que se están a levar a cabo ”. Desta forma, afirma, “coñécese de primeira man as actividades e iniciativas que realizan outros municipios e intercámbianse ideas e experiencias”. Este seminario, engadiu, foi especialmente rico grazas a intervención “de representantes doutros países, que nos achegaron a súa forma de traballar e as súas vivencias no eido da educación para o desenvolvemento”.

O encontro comezaba ás 9:30 horas coa intervención do presidente do Fondo Galego, Juán González, e a tesoureira da entidade, Carme Fouces. Ambos destacaron no discurso de apertura a importancia do compromiso cos dereitos humanos como sinal dunha sociedade global cada vez máis conectada. Trala súa introdución presentouse á audiencia distintas experiencias educativas en Alemaña, Holanda e Portugal. Falaron Frederik Hassels, da ONGD alemá Fine+p, Ronald Van der Hijden, da fundación holandesa LBSNN e Paulo Ramalho, presidente da Rede Intermunicipal de Cooperaçao para o Desinvolvimento (RICD).

Ramalho acudiu ao Seminario para presentar esta entidade, nada na primeira fase do proxecto europeo Redes para o Desenvolvemento. Os concellos de Lourdes, do Seixa e o Instituto Marquês Valle Flôr acudiron en representación do RICD. A continuación foi a quenda do propio Fondo Galego, cuxas iniciativas presentaron varios das súas persoas representantes. Foi dado a coñecer o programa “Vacacións con traballo”, dirixido ao persoal das Administracións socias, e creado para fomentar a súa participación en distintos proxectos levados a cabo polo Fondo. María José Vilar, bibliotecaria de Redondela, e Diego Sánchez, que foi técnico de turismo do Concello de Castrelo de Miño, relataron as súas experiencias como voluntarios en Cabo Verde e Nicaragua respectivamente.

As concelleiras de Burela, Angélica Gómez, e de Moaña, María Ortega, interviron para falar das súas experiencias a nivel local. Tras elas tomou a palabra, na través dunha videoconferencia, de María Helena Correia, presidenta da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas. O Fondo Galego comezou a traballar este ano coa asociación que representa, procurando animar á participación feminina no eido local mozambicano. Correia animou ás rexedoras e concelleiras a participar coas súas homólogas africanas nun intercambio de experiencias que terá lugar en Mozambique.

Luisa Feijóo valoraba as actuacións do Fondo, incidindo en que “ante as desigualdades é moi importante concienciar a poboación xa que os políticos imos e vimos, uns con máis sensibilidade, outros con menos, pero o que realmente queda ao final é o traballo de sensibilización fai cos veciños e veciñas”


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Intercambio de métodos de educación para amesáns"