Pestanas principais

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Ames asistiu esta mañá á Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación

Martes, 12 de decembro de 2017

[12-12-2017] O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames é socio, vén de aprobar en asemblea o cofinanciamento, cun total de 136.603 euros, de tres proxectos de ONGD galegas en Guinea-Bissau, Guatemala e Honduras. Á Asemblea Xeral da asociación de concellos e deputacións, que tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela, asistiu a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Ames, Luísa Feijóo. A xuntanza tamén contou coa presenza dunha representante do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur), que presentou os resultados da axuda de emerxencia do Fondo Galego destinada a persoas solicitantes de asilo na ruta dos Balcáns.

A Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de resolver a convocatoria de subvencións, á que se presentaron 17 propostas de 16 entidades diferentes. Finalmente, a asociación de concellos e deputacións cofinanciará, cun total de 136.603 euros, tres proxectos de ONGD galegas en Guinea-Bissau, Guatemala e Honduras. A proposta de InteRed, para a implementación dun programa de formación integral en sexualidade para profesorado, alumnado e familias vinculadas a catro escolas públicas do municipio guatemalteco de Chinautla, recibirá 49.861 euros.

A Asemblea de Cooperación pola Paz obtivo, pola súa banda, 50.000 euros para mellorar o acceso á auga e para reforzar as boas prácticas hixiénicas na localidade de Carantaba, na Guinea-Bissau, co fin de paliar os problemas de saúde que sofre a poboación. Ademais, o Fondo Galego de Cooperación tamén cofinanciará con 36.742 euros o proxecto de Enxeñería sen Fronteiras, a través do cal se pretenden fortalecer os equipos técnicos de sete concellos que forman parte da mancomunidade Nasmar, en Honduras. 

Á xuntanza asistiu a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Ames, Luísa Feijóo, quen valorou positivamente o labor do Fondo Galego tanto en materia de cooperación como de sensibilización, a través dos proxectos que está levando a cabo. “Cabe salientar o traballo que se está a facer en Mozambique onde a través do deporte trabállanse aspectos tan importantes como a igualdade, o empoderamento da muller e os hábitos saudables na adolescencia”, destaca Feijóo.

No transcurso da Asemblea Xeral tamén se ofreceu información acerca dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento executados neste ano 2017. Un deles foi a posta a marcha en Mozambique, xunto coa Fundação Encontro, dunha intervención a través do deporte, que é á que fai referencia a concelleira de Servizos Sociais e Igualade. Así mesmo, neste país tamén se está a traballar no municipio de Nhamayábue, para garantir o acceso á auga mediante a apertura de catro pozos evitando, deste xeito, que a poboación teña que percorrer o río a causa da seca, evitando así os ataques de crocodilos e hipopótamos, que xa provocaron varias mortes.

Para finalizar, foi exposto un informe da situación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e ratificáronse as altas e baixas do último ano, no que a entidade emprendeu un plan de captación de socios con motivo do seu vixésimo aniversario. Despediuse, polo tanto, ao Concello de Fornelos de Montes e déuselle oficialmente a benvida a Monfero, Alfoz, A Pastoriza, Miño e á Deputación de Pontevedra.

Accións de axuda de emerxencia no ano 2017
A Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación contou coa presenza de Karmele Sáez, representante do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur), quen presentou os resultados da axuda de emerxencia destinada a persoas solicitantes de asilo na ruta dos Balcáns. Saéz explicou como o Fondo Galego contribuíu, desta forma, a combater a vaga de frío siberiano que o pasado inverno afectou ás persoas refuxiadas nestes países.

Outra das accións de axuda de emerxencia financiadas no presente exercicio foi a adquisición de alimentos para a poboación refuxiada saharauí nos campamentos de Tinduf, á que o Fondo Galego dedicou 6.000 euros. Unha axuda humanitaria que foi canalizada a través da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) e da Media Lúa Vermella.