Pestanas principais

A concelleira de Normalización Lingüística asina o protocolo de adhesión do Concello de Ames ao programa Apego

Sábado, 09 de abril de 2016

[09-04-2016] A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, estivo esta mañá no Centro Ágora da Coruña para asinar o protocolo de adhesión do Concello de Ames ao programa Apego. Ames e outros dez concellos galegos sumaron a esta iniciativa que promove e arroupa a transmisión da lingua ás nenas e nenos. Neses novos concellos que asinaron hoxe o protocolo de colaboración, o proxecto comezarase a desenvolver de maneira efectiva no prazo de tres meses, aproximadamente.

Os servizos de normalización lingüística dos concellos da Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo súmanse aos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo como referentes nos que a veciñanza pode informarse e sumarse ao proxecto Apego. Tamén pode contactar co proxecto a través da súa presenza na Internet: www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal

Despois do primeiro ano de vida deste proxecto dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitala con apoio, información, recursos, programación de actividades etc., sumáronse 11 novos concellos aos 12 que inicialmente o botaron a andar.

O acto estivo conducido por dúas representantes do persoal técnico dos servizos de normalización, que explicaron que é o Apego e a quen se dirixe co apoio de moitas imaxes da andaina percorrida ata o momento. Foi presidido polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que quixo acoller e celebrar o inicio desta colaboración cun concerto de música infantil, “Arrolos de salitre” protagonizado por Xabier Díaz e Guillerme Fernández para os nenos e nenas entre 0 e 6 anos e as súas familias, os principais destinatarios do proxecto.

En representación dos concellos que botaron formaron parte do Apego desde o inicio, interviñeron no acto os alcaldes da Baña e de Negreira e en nome dos que agora se incorporan as alcaldesas de Muros e Moaña, ademais do anfitrión. Por parte do Concello de Ames asistiron a este acto a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, e a técnico do servizo municipal de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras.

As intervencións de alcaldes e alcaldesas fixeron fincapé no interese da colaboración intermunicipal para que a veciñanza de moitos concellos poida acceder en igualdade de condicións a programas e servizos. Tamén resaltaron a necesidade dun proxecto coma este que valore positivamente a lingua e a súa transmisión, tendo en conta a situación xeral pola que pasa o galego, incluso nos territorios onde a realidade é aparentemente máis favorable. E, de maneira especial, dirixíronse ás nais e pais para os convidaren a que se sumen ao Apego e participen nas accións e nas redes que reforzan a socialización en galego das súas fillas e fillos.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O proxecto Apego medra para chegar a un millón de cidadáns"
El Correo Gallego: "Ames e 10 concellos máis divulgarán o galego entre os nenos coa Rede Apego"
La Voz de Galicia: "Seis municipios del entorno compostelano se integran en el programa Apego"