- Tematica
A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, mantivo unha xuntanza cos/as usuarios/as que empregan o local de ensaio da Factoría, co obxectivo de escoitar as súas proposta no referente a mellorar o servizo e máis este local que se emprega para o ensaio musical. Na actualidade, hai 13 grupos que están facendo uso destas instalacións. Os estilos musicais dos grupos que están usando estas instalacións son variados xa que van dende a música tradicional, o pop rock, o blues, o swing/jazz, etc. A través deste servizo trátase de contribuír a impulsar e fomentar a creación musical. No mes de xullo abrirase o prazo para a renovación do servizo.
A Concellaría de Mocidade ten a disposición dos grupos musicais do concello un equipamento municipal co obxectivo de facilitar un espazo para o ensaio musical da cidadanía do concello, fomentar a práctica musical da mocidade de Ames e contribuír a unha maior formación musical e técnica dos grupos que fan uso deste equipamento. Ademais, a través deste servizo preténdese crear unha plataforma de encontro da mocidade para o intercambio de experiencias musicais, que promovan un ocio xuvenil creativo e organizar eventos coa mocidade e difundir entre a cidadanía os aspectos positivos da cultura musical da xente nova.
Dende o pasado verán, que retomou a súa andaina este local, pasaron pola Concellería de Cultura, para inscribirse no censo de artistas, e pola Concellería de Mocidade, para solicitar o uso da Factoría máis dunha ducia de grupos. Posteriormente, durante o período de Nadal de 2021, A Factoría estivo pechada ao público para executar varias melloras do local, co obxectivo de que sexa máis acolledor para os usuarios/as. Efectuáronse melloras en canto ao illamento e insonorización. Despois de executar ditas melloras o local volveu abrir as súas portas o 12 de xaneiro.
Agora, co obxectivo de seguir mellorando as instalacións da Factoría, a concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, mantivo unha xuntanza cos/as usuarios/as que empregan este local de ensaio. Escarlata Pampín trasladoulle ao persoal dos grupos que ensaian na Factoría a súa satisfacción respecto de como está funcionando o servizo, que está sendo autoxestionado polos propios grupos. Ademais mostrouse moi satisfeita co número de grupos que ensaian na Factoría e coa diversidade de xéneros musicais existentes.
Ademais, a concelleira de Mocidade explicou que “ao igual que o ano pasado preténdense levar a cabo actuacións de mellora para seguir facendo o espazo o máis adecuado posible para o uso establecido”. Para iso pediulle opinión aos/ás usuarios/as da Factoría para ter en conta as súas propostas. Tamén lles comentou que de aquí a finais de ano se ten pensado facer unha mellora da fachada do local.
Os usuarios/as da Factoría trasladaron que están moi contentos co servizo e ademais achegaron diversas ideas para mellorar o servizo e tamén que lles gustaría poder traballar conxuntamente con outros grupos. Por último, na reunión trasladóuselle aos asistentes que no mes de xullo abrirase o prazo para a renovación do servizo. De igual xeito, cómpre lembrar que calquera veciño/a pode solicitar ensaiar neste local a través do procedemento establecido.
Tramitación das reservas
Para poder reservar o local, polo menos, un dos/as seus/súas integrantes debe estar empadroado en Ames e o grupo debe estar dado de alta no censo municipal de artistas do concello. O horario do local de ensaio será o solicitado polos grupos musicais entre as 10.00h e as 22.00 horas, sempre e cando non estean organizadas outras actividades, polo propio Concello.
Unha vez enviada a solicitude, a Concellería de Mocidade entregará á persoa solicitante unha autorización do uso das instalacións indicadas, na que figurará o nome do grupo solicitante, o nome do seu representante, o seu DNI, relación das persoas que compoñen o grupo, días e horas nas que está autorizado o uso dos locais e a sala a utilizar, etc.
Os grupos interesados en seguir ensaiando na Factoría deberán renovar a solicitude anualmente. O prazo para a renovación será ata o vindeiro 15 de xullo. O departamento de Mocidade enviará por correo electrónico a cada un dos grupos que actualmente ensaian no local, a folla de renovación, que deberán cumprimentar e devolver asinada. En caso de non renovar, procederase á baixa no uso do local. Para resolver calquera dúbida ou consulta poden contactar co departamento de Mocidade no correo electrónico omix@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Escoitan aos grupos que ensaian nunha Factoría municipal que van mellorar"