[25-08-2015] A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, reuniuse esta mañá con Javier Pardo, representante de “Procesadora Gallega de Alimentos”, empresa que se encarga da recollida de aceites de cociña e da súa transformación en bio-diesel, un combustíbel vexetal renovabel e limpo. O obxectivo desta xuntanza é o de analizar a posibilidade de incrementar os puntos de recollida de aceite para facilitar os usuarios/as a reciclaxe deste produto altamente contaminante cando entra en contacto coa auga.
Na actualidade Ames recolle os aceites alimentarios no Punto Limpo e nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. O contacto do departamento de Medio Ambiente coa empresa “Procesadora Gallega de Alimentos”, que se encarga da recollida de aceites alimentarios en concellos de Galicia, León Castela e Madrid e a súa posterior transformación en carburantes bio-diesel, está encamiñado a que esta empresa poña as condicións necesarias para facilitar aos cidadáns que se desfagan con facilidade deste produto e deste xeito evitar nunha boa medida a contaminación dos acuíferos, dado que na maior parte dos casos os aceites acaban sendo arroxados aos sumidoiros.
A medida, ademais de mitigar a contaminación, faría diminuír os gastos de depuración de augas que este tipo de vertidos provoca. A intención é incremetar os puntos de recollida de aceite. Os colectores dos que dispón a empresa “Procesadora Gallega de Alimentos” permiten que o aceite sexa recollido en garrafas de plástico de ata seis litros o que facilita aos usuarios e usuarias desfacerse do produto no mesmo envase no que se almacena na casa.
Para a concelleira de Medio Ambiente o reciclado de aceites alimentarios é imprescindible para lograr saúde para o noso ambiente e especialmente para as augas: “Estímase que cada cidadán xera sete litros de residuos de aceite ao ano, incluíndo as conservas de peixe. Unha poboación como a de Ames tería que reciclar unha media de 210.000 litros ao ano. Cada litro de aceite contamina 1000 litros de auga co que o dano ao medio se multiplica considerablemente. Por non falar do que custa sanear as augas cando están contaminadas”, manifesta a concelleira, ao tempo que sinala que o obxectivo desta medida é lograr que en dous anos se recicle o vinte por cento dos aceites que consumimos os veciños/as de Ames.
O destino final destes aceites sería a súa transformación en combustíbel biodiesel. Estes combustibles vexetais contribúen a conservación do medio ambiente, tanto porque o seu tratamento evita que acaben contaminando, como porque ao utilizarse axeitadamente evítase o esgotamento de outro tipo de combustibles de orixe fósil. Ademais non producen emisións de xofre, reducen as partículas e hidrocarburos non queimados dun 50 a un 80 por cen e a opacidade do fume nun 60 por cen. Ademais reducen o desgaste dos motores dos coches porque teñen un maior poder de lubricación. Cómpre salientar tamén que este tipo de combustibles poden ser utilizados por calquera vehículo diésel convencional sen modificacións mecánicas.
Contido relacionado

"Medio Ambiente de Ames solicita más puntos para la recogida de los aceites"
"Ames quiere incrementar los puntos de recogida de aceite doméstico usado"




