[02-04-2016] A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, mantivo esta semana unha reunión con Noa Morales, concelleira compostelá de Benestar Animal, para comentar a actual situación do Refuxio do Bando, o refuxio de animais de Santiago de Compostela. O contrato que o Concello de Ames prorrogara coa empresa Servigal, encargada das labores de lacería e canceira no municipio, expira no mes de outubro, polo que a concellaría de Medio Ambiente sopesa actualmente distintas vías para continuar cumprindo con este servizo.
A concelleira de Medio Ambiente explicou que esta reunión era un "primeiro paso", "unha na busca de alternativas para a recollida dos animais abandonados ou extraviados na rúa e o seu traslado a instalacións nunhas condicións dignas". O restablecemento dun contrato do Refuxio do Bando é unha das moitas vías que sopesa a concellaría, "pero antes gustaríanos coñecer como funcionará o centro en caso dun cambio no sistema directivo, ademais de saber se se realizarán traballos de ampliación das instalacións do refuxio e o custe que carrexarían".
A ampliación é un dos puntos nos que máis incidencia se fai, ao considerar que o espazo das instalacións é insuficiente para albergar aos animais en boas condicións. A insistencia neste aspecto obedece, en palabras de Catuxa García, "á vontade de garantir que os animais que recollamos vivan nas mellores condicións posibles mentres que non atopan familias que os queiran acoller ou adoptar, polo que queremos asegurarnos de escoller a mellor solución posible".
Ames xa colaborara anteriormente co Refuxio do Bando, colaboración que se viu interrompida no ano 2013 trala firma dun contrato coa empresa Servigal e por motivos de aforro económico. Esta empresa foi a responsable, e serao até outubro de 2016, do subministrar o servizo de lacería e canceira ao Concello. Servigal é a encargada de facer chegar ao Concello os datos dos animais atopados e recollidos en territorio municipal, cuxas fichas pódense consultar no seguinte enlace: http://concellodeames.gal/aviso.php?noticia=9471&idioma=gl&sec=110.
Ademais a empresa comprométese a buscar ás persoas donas dos cans ou gatos atopados con chip antes de levalos á canceira.
A concelleira engadiu que "está previsto convocar unha mesa de traballo coa presenza non só da corporación de goberno, senón tamén de propietarios, veterinarios, asociacións animalistas e outros axentes para que aporten os seus puntos de vista de cara a toma dunha decisión. Ademais do Refuxio do Bando o concello de Ames explora outras opcións que presentará nesta mesa de traballo.
Renovación do sistema de dirección e dos presupostos do Refuxio do Bando
Actualmente o Padroado da Fundación Refuxio de Animais estuda a modificación do sistema directivo do refuxio, dividindo as labores do cargo entre un veterinario e un director do centro. O primeiro encargaríase de vixiar as condicións nas que se atopan os animais do centro, así como de seguir o estado dos animais que acolle, mentres que o segundo faríase cargo do traballo administrativo.
A concellaría de Benestar Animal compostelá vén de anunciar, así mesmo, unha modificación dos orzamentos predestinados ao Refuxio do Bando, que incorporará novos gastos e que estuda a posibilidade de tramitar unha póliza de crédito. Na actualidade as instalacións do Refuxio do Bando ocupan arredor de 7000 metros cadrados, dunha parcela de 15000. No 2010 ampliáronse os edificios. O principal deles alberga as oficinas, a área de atención veterinaria, a de atención o público, un aula de educación ambiental, o servizo de hospitalización e un almacén de alimentación.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames estuda novas posibilidades para o contrato das labores de lacería e canceira"
La Voz de Galicia: "El Ayuntamiento amiense sopesa volver al Refuxio de Bando, pero quiere conocer su nuevo modelo"




