Pestanas principais

A concelleira de Infraestruturas, acompañada do alcalde de Ames, reúnese coa concesionaria da AG-56 e solicítalles a inmediata sinalización dos desvíos.

Venres, 15 de xaneiro de 2016

[15-01-2016] A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou hoxe a zona da AG-56 afectada polo desprendemento dun noiro por mor da recente meteoroloxía adversa e reuniuse con representantes da concesionaria da autovía, aos que lle solicitou “a inmediata sinalización do desvío”. Na reunión avaliáronse as distintas alternativas para solucionar definitivamente o problema para que, á maior brevidade, os usuarios/as poidan transitar con total normalidade e seguridade pola citada autoestrada. No transcurso da visita, a concelleira estivo acompañada polo alcalde de Ames, José Miñones e o concelleiro de Obras, Blas García. Pola súa banda, Miñones manifestou que "se debe priorizar a seguridade por riba da duración das obras", ao tempo que amosou o malestar coa concesionaria por non ter realizado antes a sinalización dos desvíos provisionais, feito que provocou importantes colapsos de tráfico no núcleo urbano de Bertamiráns.

A conselleira indicou que se actuou de xeito inmediato, adoptando as medidas iniciais urxentes; e agora estase a traballar con responsabilidade, esixíndolle á empresa concesionaria rapidez na busca da solución e que execute e costee os traballos que mellor garantan a seguridade viaria.

O derrubamento deste noiro na AG-56, a autovía que une Santiago e Brión, obriga a manter cortado un dos carrís en dirección a Compostela, así como o ramal de entrada á autovía neste punto (enlace Bertamiráns Norte). Vázquez explicou que tan pronto como se tivo constancia desta incidencia -que se produciu á primeira hora do pasado sábado 9 de xaneiro-, activáronse os medios necesarios para retirar o material desprendido e para restablecer a circulación, quedando aberto ao tráfico o carril esquerdo esa mesma tarde.

Malestar polo atraso na sinalización

Descoñécese polo momento o tempo que durará a execución das obras. Neste senso, o alcalde de Ames opina que "se debe priorizar a seguridade por riba da duración das obras", ao tempo que amosa malestar coa concesionaria da autovía "por non ter feito antes a sinalización dos desvíos provisionais e polos colapsos de tráfico que esta falta de información está a no núcleo urbano de Bertamiráns".

Cómpre lembrar que debido ao atraso da concesionaria á hora de materializar ista sinalización, o propio concello tomou a decisión de facer unha sinalización provisional e elaborou co Departamento Municipal de Tráfico e o responsable da Policía Local unha proposta de sinalización. Incidiuse na desviación do tráfico que accede dende a estrada de Negreira á autovía en dirección Brión e pola saída dos Ánxeles, na que se accede a unha rotonda que conecta directamente coa autovía dirección a Santiago de Compostela, evitando aos condutores o paso polo centro de Bertamiráns. Tamén se traballou no desvío dirección Padrón, que pasa por Bastavales, ademais de colocar sinais advertindo do alto volume de circulación que se está a producir no núcleo de Bertamiráns.

O plan de desvios e de sinalización provisional elaborado polo Concello de Ames será o mesmo que empregue a concesionaria para facer a sinalización definitiva.


Contido relacionado


La Voz de Galicia:"La autovía líder en tráfico... e incidencias"