[09-09-2015] A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, iniciou esta semana unha rolda de contactos coas distintas entidades bancarias domiciliadas no Concello de Ames. O lúns 7 de setembro reuniuse con representantes de Abanca e BBVA e o mércores 9 de setembro con representantes do Banco Popular. O obxectivo é presentarse como novo goberno, tomar contacto coas entidades, negociar mellores condicións dos préstamos concertados e anunciar que se está a estudar unha operación de reestruturación da débeda do Concello. Ás reunións asisten a Concelleira de Economía e Facenda, e o interventor e a tesoureira, como técnicos do departamento de Economía.
Desde a Concellería de Economía e Facenda se está a facer un estudo da situación da débeda do Concello e para iso a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, está tomando contacto coas distintas entidades coas que o Concello ten concertados os préstamos, así como aquelas entidades que están domiciliadas no Concello de Ames.
"O obxectivo final do goberno amiense é elaborar un estudo pormenorizado da débeda coa fin de reestruturar e renegociar a débeda para conseguir mellores condicións de financiamento", manifestou a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero.
A concelleira dirixiuse aos representantes das entidades coas que teñen concertados os préstamos para solicitarlles un reaxuste dos tipos de interese en tanto non se poida formalizar esta nova operación e que o Concello quedaba á espera de resposta. Ademais adiantouse aos representantes destas entidades que nesta operación de refinanciación se invitarán a todas as entidades bancarias con domicilio social no Concello de Ames.
Pola súa banda Abanca e BBVA manifestaron que nas próximas semanas entregarían unha oferta reaxustando o diferencial, que melloraría as condicións actuais dos préstamos, e as tres entidades coas que se reuniu o Concello amosaron o seu interese en participar desta nova operación de refinanciación da débeda.
O mércores próximo 16 de setembro a concelleira reunirase con representantes do Banco Sabadell, e continuará a rolda de contactos co resto das entidades.
Contido relacionado
"El Concello de Ames estudia reestructurar la deuda municipal con los bancos"