Pestanas principais

A concelleira de Economía e Facenda en funcións fai balance da situación económica do Concello

Domingo, 05 de xuño de 2011

[05-06-2011] A creación da Concellaría de Economía e Facenda, o desdobramento das oficinas de intervención e contratación. A dotación do posto de tesourería e de persoal auxiliar, a posta ao día na rendición das contas municipais, a elaboración dos orzamentos municipais tendo en conta as necesidades da veciñanza, o mantemento das políticas sociais e servizos municipais, cun gasto medio aproximado de máis de 10 millóns de euros anuais de gasto social e máis dun millón en medio en axudas a colectivos e asociacións, o impulso a licitación de obras con máis de 117 proxectos por valor de 14,3 millóns de euros, a mellora na xestión recadatoria e na atención ao contribuínte a través da creación da Oficina Virtual Tributaria e da Oficina de Atención Personalizada no Milladoiro, a posta en marcha do Plan de inspección municipal, as escasas operacións de crédito de longo prazo -só dúas desde o 2003, unha por valor de 2.205.000 euros e outra por valor de 1.122.000 euros- e a planificación racional dos fondos que permitiu a redución do prazo de pago a provedores compoñen a radiografía económica do Concello de Ames que a responsable do departamento e Facenda explicaba en rolda de prensa esta mesma mañá e que, detallada, servirá como base para facer o traspaso de poderes ao novo Goberno Municipal. Na semana que ven, o resto das concellarías elaborarán dossieres concretos de todos os proxectos que se levaron a cabo durante a última lexislatura e dos que quedan pendentes de executar e comparecerán tamén diante dos medios de comunicación para contalo.

Co obxectivo de que o traspaso de poderes ao novo equipo de goberno municipal de Ames se faga dun xeito claro e ordenado, os concelleiros en funcións preparan estes días detallados dossieres de cada un dos seus departamentos nos que se inclúen os proxectos que se executaron durante a última lexislatura, aqueles que están en marcha na actualidade e os que quedan pendentes de executar. Ademais toda esta información será exposta, día a día, e departamento a departamento, en rolda de prensa.

A concelleira de Economía e Facenda en funcións, Patricia Conde, compareceu este sábado en rolda de prensa para facer balance da situación económica do Concello. A concelleira fixo unha detallada exposición da situación económica municipal, facendo fincapé na "rigorosa xestión en Ames durante os últimos catro anos que permite, hoxe, facer un bo balance da situación económica, a pesares da crise". Conde incidiu no "mantemento e consolidación dos servizos fronte aos recortes aplicados por outras administracións". Executáronse -dixo- novos proxectos e investimentos, houbo unha importante mellora na xestión dos ingresos, acudiuse ao crédito bancario nas contías estritamente necesarias e reduciuse o prazo de pago aos provedores logo dun difícil e longo proceso". A comparecencia de Patricia Conde recolle as liñas principais do dossier que o seu departamento entregará ao novo goberno municipal para informarlle, neste caso da situación das contas municipais.

Na comparecencia acaecida esta mañá, a concelleira de Economía e Facenda, Patricia Conde, lembrouse que unha das primeiras medidas que adoptou o goberno municipal que agora se despide foi precisamente a creación da concellaría de Economía e Facenda e cualificou de clave no proceso a reestruturación levada a cabo nos servizos económicos, que comezaba polo mes de maio do ano 2009, a incorporación do posto de tesourería. No mes de xullo do mesmo ano había unha nova titular da intervención municipal. Ademais, a reestruturación veuse tamén condicionada polo desdobramento das oficinas de contratación e intervención, a contratación de persoal administrativo e o cambio horario na atención ao público. Froito destas medidas, por exemplo, é a posta ao día na rendición das contas, xa que desde mediados de 2009 se renderon as contas de 2006, 2007, 2008 e 2009.

Transparencia. Mellora na atención ao contribuínte e de xestión de ingresos

Os catro ano de goberno caracterizáronse pola transparencia económica coa posta ao día de rendición de contas, coa transparencia nos procesos de contratación e os avances na administración electrónica. Outro dos elementos clave, segundo a concelleira, foi a mellora na xestión dos ingresos, tanto os de financiamento propia como allea, mellorándose a xestión tributaria, censual e de recadación a través da nova empresa adxudicataria gracias a unha maior coordinación entre as oficinas de xestión recadatoria e as áreas administrativas do concello. Ademais levouse a cabo un extenso traballo de depuración de datos, e unha mellora na xestión de débedas pendentes de cobro. Púxose asemade en marcha o plan de inspección municipal que recadou 1.322.276 euros.

A planificación e administración racional dos fondos foi outra das causas que confirman a mellora económica do Concello. Ademais da planificación anual, existe unha mensual e moi racional dos ingresos do Estado (3.919.116,82 euros), das Comunidades Autónomas (811.089 euros), ingresos propios atendendo ao calendario do contribuínte (15.669.956,89 euros), e plans de inspección. Consecuencia destas medidas, redúcese o prazo de pago a provedores. No que vai de ano, por exemplo, xa se fixeron pagos a pequenos e medianos provedores por valor de 6.518.133,59 euros, e durante toda a lexislatura de 78.318.120,04 euros. Neste senso, as operacións de tesourería xogan un papel moi importante. Operacións coas que, en palabras de Patricia Conde, se "pretende dispoñer de diñeiro como póliza de crédito para atender eses pagos o que propicia que non se eleve o índice de endebedamento do Concello e nos garante ter liquidez para evitar o pico de tesourería con esta especie de anticipo".

Mellorouse tamén a atención ao contribuínte creando unha nova oficina no núcleo do Milladoiro e incrementando o persoal da oficina de Bertamiráns. Durante o ano 2010 acudiron a estas oficinas un total de 6.673 contribuíntes. Ademais creouse a oficina virtual tributaria, unha nova canle de atención máis áxil e cómoda para todos os contribuíntes.

A débeda lonxe do límite legal

Outro dos obxectivos plantexados polo goberno neste últimos anos foi o de acudir ao crédito bancario nas contías estritamente necesarias. Patricia Conde explica cal é a débeda bancaria real do Concello, produto da débeda viva herdada do anterior goberno do Partido Popular e a débeda viva concertada no 2010. "En canto a débeda herdada -manifestou a concelleira- está pendente de amortizar unha cantidade de 923.877,38 euros. Durante os últimos catro anos amortizouse o importe de 1.383.098,88 euros. Por outra banda, dende 2003 tan só se concertaron dúas operacións de crédito a longo prazo, unha por valor de 1.122.022 euros e outra por valor de 2.205.786 euros, sendo en consecuencia o total de débeda viva real a día de hoxe de 4.206.430,03 euros". Conde salientou tamén que "ademais de concertar moi pouca débeda, amortizamos 3.050.120 euros de préstamos herdados, unha cousa que forma parte da dinámica política". Ademais, desde o ano 2003 ata hoxe reduciuse a débeda viva por habitante, pasando de 201,38 euros a 180,51. Así, o Concello poderá endebedarse no futuro en caso de necesitalo, dado que se atopa lonxe do límite legal, a diferencia doutros concellos.

Boa execución orzamentaria

Durante a lexislatura aprobáronse dous orzamentos, nos anos 2008 e 2010, segundo explicou a concelleira. Tamén destacou a prioridade do gasto social e unha alta execución de proxectos de investimento. O grupo de goberno conseguiu nos últimos anos manter e consolidar os servizos e executar novos proxectos. No primeiro dos casos, o total do gasto corrente ascende a 19.819.307,27 euros, o 68% do orzamento anual. O gasto social por habitante pasou de 108 en 2003 a 373 en 2011, un dato que se explica polo crecemento poboacional e polos servizos implantados nos últimos anos, como o Bos Días Cole, Rede de Comedores Escolares, Tardes Divertidas, Lúdicos, Escolas de Verán, Escolas Deportivas, Obradoiros Culturais, Amessan, servizos básicos, de axuda a domicilio, Transporte Adaptado, dúas Escolas Infantís, Actividades de formación ou a Escola Municipal de Música.

Ademais, nos últimos anos executáronse novos proxectos. En total 117 proxectos de obras licitados por valor de máis de 14.342.809,8 euros. Segundo destacou Conde, "esta foi a maior inversión producida en Ames en tan só unha lexislatura". Tamén destacou que unha das axudas do goberno central, a través do Plan E, fixo posible ese investimento. "Algúns dos proxectos aínda se atopan en execución, como pode ser o centro de formación ocupacional de Aldea Nova, e outros están en fase de licitación de obra como é o caso da urbanización da Travesía do Porto e a construción das beirarrúas de Capeáns á Igrexa de Covas".

Patricia Conde recalcou "en conclusión, quero destacar o bo balance desta área xa que hai que ter en conta a situación económica de crise xeral que afecta a todos os concellos. Desexo que o novo goberno continúe o traballo iniciado pola concellería, sen eliminar ningún servizo municipal".

Impulso ás actividades de Mocidade

Patricia Conde encargouse tamén durante a lexislatura da Concellaría de Mocidade. As actividades para os mozos e mozas do Concello recibiron durante este período un gran impulso a través do establecemento dun programa estable de actividades que permitiu unha alta participación xuvenil e incrementou o número de voluntarios no Concello, de xeito que no último ano pódense cifrar en case 1.500 xoves os que participaron nas actividades e durante toda a lexislatura en máis de 7.000. A Oficina Municipal Xuvenil foi crave para o desenvolvemento destas actividades. Compre salientar que neste período a OMIX creou un posto de técnico informador xuvenil e mellorou o servizo de información, asesoramento e apoio á xuventude coa creación dun punto de información xuvenil no Milladoiro que, xunto co cambio da ubicación da OMIX en Bertamiráns, propiciou unha atención moito máis personalizada aos mozos e mozas do Concello, impulsou a comunicación a través do uso das novas tecnoloxías - máis de 1000 xoves se benefician na actualidade do servizo de correos, sms e redes sociais como tuenti e facebook) e creou o Portal da Mocidade a través da páxina web municipal.

Cursos e obradoiros

Preto de 50 rapaces e rapazas participaron nos obradoiros de artes escénicas e radio que a concellaría de Mocidade puxo en marcha durante esta lexislatura. Os mozos e mozas tiveron a través destes obradoiros a oportunidade de adquirir coñecementos de interpretación teatral, luz e son, escenografía e disciplinas relacionadas coas novas tecnoloxías da información e da comunicación.

A emancipación xuvenil foi o tema dun curso organizado polo departamento a través do que 35 mozos e mozas trataron temas de vivenda e emprego. Outro dos obradoiros importantes que realizou a concellaría foi o de monitor de tempo libre que durante 350 horas do curso 2010-2011 reuniu a 25 rapaces en clases prácticas e teóricas que acadaron o seu diploma para poder traballar en actividades relacionadas co eido do lecer e o tempo libre. O Asociacionismo e o Voluntariado, o servizo de voluntariado europeo e a Cooperación ao desenvolvemento do terceiro mundo foron tamén obxecto de varios cursos que reuniron a preto de 50 mozos e mozas. Os obradoiros de información sexual e os cursos de informática tiveron tamén unha gran aceptación entre os mozos e mozas do Concello.

Break Dance, bailes de salón e deportes de aventura

Compre salientar tamén no eido da formación a creación da Escola de Break Dance que este ano acadou a súa segunda edición e que reúne máis de 50 alumnos e alumnas durante todo o curso escolar. Gran aceptación con 40 rapaces e rapazas nas aulas ten tamén a actividade de bailes de salón que se desenvolve igualmente durante o curso escolar. Con carácter periódico trimestral, a concellaría organizou actividades que combinan deporte e natureza. A través destas actividades ao redor de 100 mozos e mozas tiveron a oportunidade de practicar deportes como o paintball, hidrospeed e caiac e gozar de especiais xornadas nas rutas a cabalo.

Actividades extraescolares e ocio

157 mozos e mozas recibiron un reforzo educativo durante todo o curso escolar a través das actividades extraescolares que organizou o departamento. Neste eido realizáronse tamén cursos de informática e obradoiros de expresión artística. No campo do ocio cómpre salientar os programas de Cinexove, as actividades de Nadal, a consolidación dos campamentos xuvenís e do Verán Activo, programas que favoreceron a conciliación da vida laboral e familiar durante a época estival, os obradoiros de cultura urbana e a Festa da Mocidade que se desenvolveu durante todos os anos da lexislatura cun extenso programa de actividades de deporte, música e lecer que ademais fomentou o voluntariado coa colaboración da propia mocidade. No ano 2008, e coincidindo coa Expo de Zaragoza, 108 viaxaron a Aragón.

Programas de prevención

Durante o curso 2009 - 2010, 186 mozos e mozas participaron nun programa de formación da mocidade no eido do emprego, a socialización e os valores que levou por título "Falamos de inserción sociolaboral". O programa formativo relacionado con diferentes aspectos da saúde da poboación, tales como alimentación, deporte e hábitos saudables, Ames Saudable, reuniu a 135 rapaces e rapazas durante o curso 2009-2010. Cómpre salientar ademais os 765 mozos e mozas que, a través do Servizo de prevención de drogodependencias, formáronse na prevención de drogodependencias no eido escolar, familiar e social.

Servizo OMIX

3291 rapaces e rapazas do Concello utilizaron a Oficina Municipal de Información Xuvenil que durante esta lexislatura creou un Punto de Información Xuvenil na localidade do Milladoiro para a atención directa da Mocidade dese núcleo de poboación. Ademais a OMIX deu un gran impulso ás novas tecnoloxías propiciando a mellora dos sistemas de contacto e comunicación coa Mocidade de Ames a través do uso das Novas Tecnoloxías, os programas SMS, os contactos vía e-mail, redes sociais, facebook e tuenti. A OMIX encargouse tamén da tramitación do Carné Xove e dos diferentes programas de carácter estatal, autonómico e local e ofreceu consultas arredor de axudas e subvencións, premios e concursos, asociacionismo, educación e formación.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El gobierno saliente de Ames cifra la deuda en 4,2 millones"
El Correo Gallego: "Conde presenta un dosier detallado de las arcas de Ames para hacer el traspaso al PP"