[16-08-2013] A concelleira de Deportes do Concello de Ames, María Eugenia Martín, visitou esta semana as instalacións do campo de fútbol de Bertamiráns, onde se están levando a cabo melloras dotacionais e de infraestruturas. Na súa visita, a concelleira puido comprobar a instalación de dous banquillos para os xogadores suplentes e de catro porterías de fútbol 7 abatibles. Na instalación destes elementos, o Concello realizou un investimento superior aos 8.350 euros.
Deste xeito, dotouse ao campo de fútbol de Bertamiráns de dous banquillos para xogadores suplentes cubertos con perfís metálicos galvanizados e asentos con espazo para 10 prazas cada un. Estes banquillos están deseñados de forma que protexa aos xogadores contra as inclemencias do tempo. Ademais, dotouse ao campo de dous xogos de porterías de fútbol 7 abatibles.
Tras visitar o campo de fútbol, a concelleira de Deportes avanzou que “tamén se instalarán no campo unha cabina para medios de comunicación e unha plataforma para televisión”. María Eugenia Martín lembrou, ademais, que está previsto que nun breve prazo de tempo comecen os traballos de mellora do peche do campo de fútbol, que se realizarán gracias a un convenio asinado coa Deputación da Coruña e que incluirán outras obras como a instalación de aseos. En total, investiranse máis de 58.749 euros.
O obxectivo de todos estes traballos é, segundo destacou a concelleira de Deportes, “levar a cabo no campo de fútbol de Bertamiráns, que a vindeira temporada acollerá partidos de Terceira División, un investimento que suporá un beneficio que se fará sentir de xeito positivo no conxunto da instalación, na mellora do seu funcionamento e no resultado final da práctica deportiva”.
Mantemento do campo
O pasado mes de maio, o Concello de Ames puxo en marcha o servizo de mantemento do céspede artificial dos campos municipais de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, así como da pista municipal de pádel que está situada na urbanización de Aldea Nova. Estes traballos teñen o obxectivo de limpar e conservar o céspede artificial destas instalacións deportivas. Nos campos de fútbol realizaranse 10 actuacións durante 10 meses (5 actuacións en cada campo), que terán un custo de 3.500 euros máis IVE, mentres que na pista de pádel levaranse a cabo 5 actuacións (unha actuación cada dous meses), que terá un custo de 400 euros máis IVE. En total investiranse máis de 4.000 euros.




