Pestanas principais

A concelleira de Benestar Social e persoal municipal visitan o municipio caboverdiano do Tarrafal co obxecto de afondar en diferentes proxectos de colaboración

Luns, 27 de xaneiro de 2020

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, o técnico de Mediación Intercultural e Cooperación, Leonardo Pena, e a técnica de Turismo, Sonia Moure, viaxaron ata o municipio caboverdiano do Tarrafal nunha visita institucional. En novembro de 2018 o Concello de Ames e maila Cámara Municipal do Tarrafal de Santiago asinaron un convenio de cooperación técnica que se materializou na estadía neste municipio do técnico de Deportes, Alberto Viaño, para poñer en marcha unhas escolas deportivas con perspectiva de xénero. Dito convenio ratificouse e foi ampliado o pasado 13 de novembro de 2019 durante a celebración do Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na cidade de Santiago. A mediados do pasado mes de decembro o Concello de Ames recibiu un convite institucional para visitar Tarrafal, xunto con outras delegacións de municipios de Portugal cos que teñen subscritos convenios, e co obxecto de afondar en diferentes proxectos de colaboración.

En outubro de 2016, a técnica de Turismo, Sonia Moure, viaxou a Cabo Verde, a través do programa Vacacións con Traballo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o Concello de Ames é socio. Desta viaxe de cooperación, e aproveitando os contactos realizados, xurdiu unha iniciativa particular pola que en abril de 2018 asinouse un convenio de colaboración entre o Bertamiráns F.C. e o G.D. Varandinha da cidade do Tarrafal, illa de Santiago. Ao acto de sinatura asistiron diferentes membros do goberno municipal de Ames.

A busca de vías de colaboración a nivel municipal consolidouse coa sinatura dun convenio de cooperación técnica entre o Concello de Ames e a Cámara Municipal do Tarrafal de Santiago en novembro de 2018, que se materializou na estadía neste municipio do técnico de Deportes, Alberto Viaño, para poñer en marcha unhas escolas deportivas con perspectiva de xénero. Dito convenio ratificouse e ampliouse o pasado 13 de novembro de 2019 durante a celebración do Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na cidade de Santiago.

Posteriormente, a mediados de decembro de 2019, o Concello de Ames recibiu un convite institucional do alcalde da Cámara Municipal do Tarrafal, José Pedro Nunes Soares, para visitar dito municipio durante a celebración das súas festas patronais de Santo Amaro, xunto con outras delegacións de municipios portugueses cos que teñen subscritos convenios, co obxecto de afondar en diferentes proxectos de colaboración.

Para a técnica de Turismo, Sonia Moure, a sinatura deste convenio "supuxo a consecución dun soño acubillado dende o regreso da miña primeira viaxe a Cabo Verde. Sinto unha gran ledicia e orgullo porque desde o ano 2005, que se puxo en marcha o programa Vacacións con Traballo, Ames é o único Concello no que conseguimos adoptar e transformar esta iniciativa nun proxecto de cooperación local. Aproveito esta oportunidade para trasladar publicamente o meu agradecemento ao noso goberno pola súa aposta e implicación".

No marco do convenio subscrito e afondando no cumprimento do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 17: Alianzas para acadar o desenvolvemento sostible, a representación do Concello de Ames tivo a oportunidade de coñecer de primeira man a realidade política, social, económica e cultural de Tarrafal, durante 5 días da pasada semana, xunto coas delegacións portuguesas chegadas dende os concellos de Montalegre, Oleiros e Setúbal, así como da Cámara Municipal do Tarrafal de Sao Nicolau.

O municipio de Tarrafal está situado no extremo norte da Illa de Santiago e ocupa un área de 112.4 km². Ten un censo de 18.171 habitantes (o 54,4% son mulleres e a idade media sitúase nos 26,7 anos). A taxa de ocupación activa é dun 47,4% e a súa taxa desemprego está por debaixo da media nacional (9,5%). A taxa de alfabetización da poboación sitúase no 82,2%, situándose entre os 15 e os 24 anos nun 98,8%, sendo o ensino básico e o secundario o máis frecuentado (44,8% e 43,7% respectivamente), mentres que só un 5,9% ten acceso ao ensino superior e un 3,5% a educación infantil.

En canto ás condicións de vida só un 81,3% da poboación ten acceso a electricidade nas súa casas, o abastecemento de auga só chega ao 84,7%, dos que só un 70,9% teñen cuarto de baño. O 57,1% usa gas como combustible para cociñar fronte ao 42,6% da poboación que aínda segue usando leña. Respecto ás comunicacións e tecnoloxías da información apenas un 9,2% ten teléfono fixo e un 49,1% ten acceso a Internet. A maioría da poboación vive da actividade agrícola, da pesca e do turismo, un sector en auxe.

O técnico de Mediación Intercultural e Cooperación, Leonardo Pena, considera que “Ames, polas súas características sociais e económicas, é un concello que conta con capacidade para liderar e poñer en marcha iniciativas de cooperación e intercambio deste tipo para converternos nun modelo a seguir por outras vilas de Galicia. Un municipio coma o noso no que viven persoas de tantos países diferentes non pode permanecer pechado á realidade do mundo que nos rodea: estamos chamados a ser un lugar de encontro e de integración, de diálogo e de acollida para todos aqueles seres humanos -aquí e alá- que loitan e se esforzan por construír un mundo mellor, unha sociedade máis equitativa e máis humana”.

Programa de actos oficiais
Durante a estadía en Tarrafal a delegación amesá  asistiu á sesión solemne da Asamblea Municipal, celebrada polo Día do Municipio, que contou coa participación especial do Primeiro Ministro de Cabo Verde, Ulisses Correia e Silva e estivo acompañado por varios ministros. En dito acto o Primeiro Ministro anunciou a realización dunha serie de obras como son o asfaltado da avenida que dá entrada a cidade e a estrada que comunica co concello veciño de Sao Miguel, e que na actualidade son vías adoquinadas. Ulisses Correia tamén aproveitou a efeméride para facer pública a decisión do Goberno de seleccionar a cidade como sede para a celebración de eventos nos próximos anos, entre outros, Cidade Capital caboverdiana da Xuventude 2020 e sede do Campionato Africano das Nacións (CAN) de balonmán no ano 2024, que contribuirán ao desenvolvemento económico e social deste municipio situado ao norte da illa de Santiago.

Rematada a celebración da Asamblea Municipal, as persoas participantes foron trasladados ata a zona rural de Achada Porto onde foron recibidos pola poboación local, que agardaba pola comitiva para celebrar a inauguración oficial dun proxecto hidroagrícola cofinanciado pola Axencia Español de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID). Trátase dun programa mediante o cal se transformou un vasto terreo baldío en espazos de produción agrícola sostible mediante un sistema de rego gota a gota do que son beneficiarias 30 familias, o que supón a posibilidade de aumentar a produción de alimentos e mellorar as súas duras condicións de vida. O seguinte paso será a creación dun mercado para a venda destes produtos e elevar a escasa renda destas familias.

Unha vivenda da aldea foi o lugar no que se realizou o almorzo colectivo, cociñado de maneira comunitaria polas mulleres, no que participaron xuntos e revoltos o Primeiro Ministro, os Ministros que o acompañaban, Alcalde de Tarrafal, resto da comitiva e poboación local. O menú incluíu pratos típicos con base de millo como xarem e cachupa, feixoada e arroz. Celebrouse a maneira tradicional caboverdiana que consiste nun sistema tipo buffet.

Inauguración dun novo e moderno pavillón
Durante a tarde foi realizada a visita as obras de urbanización que se están levando a cabo na zona de Ponta de Atum, e que  albergará varios bloques de vivendas de 2 e 3 cuartos. O acto de maior relevancia do día chegou coa inauguración do pavillón deportivo. Considerado o maior e máis moderno pavillón do país, e o segundo da zona 2 de África. Ten capacidade para 705 persoas, e conta con todos os requisitos esixidos para poder acoller probas deportivas a nivel internacional. Esta infraestrutura, un dos grandes proxectos do actual goberno municipal, vai supoñer un grande pulo para o desenvolvemento do municipio e abre a posibilidade de acoller eventos e reafirmar a posición de Tarrafal como cidade de deporte, cultura e turismo. Unha mostra disto será a celebración de varios xogos de balonmán do CAN 2024, que se celebrará en Cabo Verde.

Outras visitas
O programa de visitas tamén incluíu as localidades rurais de Tras-os- Montes, Fazenda e a súa baía; aldeas de difícil acceso por camiños de terra e empedrados, especialmente Facenda e a súa baía. O nivel de ingresos e a calidade de vida da poboación local é moi baixo, practicando unha economía de subsistencia mediante a agricultura, a gandería e a extracción ilegal de area da baía, realizada principalmente por mulleres.

O Centro Municipal de Cuidados Graciosa foi inaugurado en decembro de 2018. É un espazo inclusivo para nenos/as de 0 a 14 anos con necesidades especiais. Conta cunha traballadora social, 4 coidadoras, logopeda e fisioterapeuta. Os usuarios/as son trasladados cada día dende os seus domicilios e permanecen no centro das 8:00h ás 14:00h, onde realizan actividades adaptadas, así como o almorzo e o xantar que se elabora nas propias instalacións e está deseñado por unha nutricionista.

O Campo de Concentración do Tarrafal, tamén coñecido como Campo da morte lenta, foi outro dos lugares incluído no programa de visitas. Foi fundado no ano 1936 co obxecto de illar e castigar aos opositores do réxime fascista de Antonio de Oliveira Salazar, e no que tamén foron recluídos algúns cidadáns españois enviados por Franco. Nunha segunda fase, e no marco das guerras de independencia, recibiu cidadáns das diversas colonias portuguesas ata a súa liberación tras o proceso iniciado a raíz da Revolución dos Caraveis portuguesa, no día 25 de abril de 1974. Foi declarado Patrimonio Cultural Nacional de Cabo Verde e incluído en 2016 na Lista Indicativa do Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Houbo, tamén, momentos para gozar de eventos deportivos (regata a remo, travesía a nado e probas de atletismo); celebracións relixiosas como a Misa Solemne ao aire libre e Procesión de Santo Amaro Abade, patrón do Municipio; almorzos comunitarios onde puideron degustar pratos típicos como cachupa, feixoada, cuscús, xarem, doce de papaia...; e, como non, deleitarse con varios concertos de música, tan presente na cultura do país, de varios estilos desde o máis actual hip hop e rap, ata os máis clásicos e tradicionais como o funaná, batuko, e por suposto, o son melancólico da morna, declarada fai escasamente un mes Patrimonio Inmaterial da Humanidade.

Por último, a delegación amesá participaron nunha xuntanza de avaliación co Alcalde e Concelleiros do municipio do Tarrafal de Santiago e as delegacións chegadas dende Montalegre, Oleiros e Setúbal (Portugal) e Tarrafal de San Nicolau (Cabo Verde), na que se valorou moi positivamente as visitas realizadas, acadando o acordo de unión de forzas e establecemento de alianzas para reforzar a cooperación xa existente podendo ampliala a máis sectores. Analizouse o crecemento, as debilidades e fortalezas do municipio e en que poderían colaborar os Concellos participantes na visita a Tarrafal para contribuír ao seu desenvolvemento. Tamén houbo un momento para a sinatura no libro de honra da Cámara Municipal e intercambio de agasallos institucionais.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explica que “esta visita permitiunos establecer contactos para futuras alianzas e colaboracións no marco da cooperación técnica internacional que nos permitan aproveitar sinerxías con outros municipios do ámbito da Lusofonía e explorar diferentes vías de traballo, tamén, con institucións públicas e privadas como ONGs, Universidades, empresas, así como coa sociedade civil, co fin de mobilizar e promover o intercambio de coñecementos, experiencias, capacidade técnica, tecnoloxía e recursos, no que xa estamos a dar os primeiros pasos. A redución da pobreza e a consecución do desenvolvemento sostible é responsabilidade de todas e todos”.

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Luisa Feijóo, concelleira de Benestar Social, visitan o concello caboverdiano do Tarrafal para estudar proxectos de colaboración"

Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal

Multimedia

  • Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal
  • Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal
  • Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal
  • Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal
  • Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal
  • Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal
  • Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal
  • Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal
  • Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal
  • Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal
  • Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal
  • Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal
  • Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal
  • Imaxe da visita institucional ao municipio caboverdiano do Tarrafal