[29-05-2012] Co obxectivo de paliar o abandono escolar prematuro o Concello de Ames, a través da Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, pon en marcha o programa “Redución do abandono escolar”, que está dirixido aos mozos/as de 2° ciclo de Educación Secundaria (3° e 4° de ESO), PCPI, Diversificación curricular e mozos/as maiores de 18 anos, que non obtiveron o título da Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO). Este programa inclúe varias actividades como son os encontros educativos, un campus educativo de verán e a preparación das probas de ESO para a convocatoria de setembro. Os mozos e mozas que estean interesados/as en participar no campus educativo de verán e nas actividades de preparación das probas da ESO deben de formalizar a súa inscrición nestas actividades entre o 28 de maio e o 18 de xuño. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para participar nestas actividades.
O nivel de estudos ou formación que alcanza a mocidade ten unha importancia decisiva para eles e para a sociedade á que pertencen. Por iso, cobra cada vez unha importancia maior nas sociedades avanzadas o prolongar a escolarización dos mozos/as unha vez concluída a educación obrigatoria. Ata tal punto isto é así, que se considera que os mozos/as de 18 a 24 anos que completaron como máximo a primeira etapa da educación secundaria e non seguiron ningún estudo ou formación, forman parte do denominado abandono escolar prematuro.
O abandono escolar temperá ten causas moi diversas e por iso a súa prevención e redución esixe que as administracións actúen en moi diversos frontes. Con este obxectivo, o presente programa contén unha serie de medidas e actividades dirixidas a previr e reducir este fenómeno no Concello de Ames. Este programa está financiado a través dunha axuda da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o desenvolvemento de programas dirixidos á redución do abandono escolar, nos concellos de Galicia para o ano 2012.
Este programa inclúe varias actividades como son os encontros educativos, un campus educativo de verán e a preparación das probas de ESO para a convocatoria de setembro. Nos encontros educativos presentaráselle este programa a toda a poboación que estea interesada (pais, nais...), e á comunidade educativa (ANPAS, docentes, alumnado...) e debaterase sobre as causas e as medidas de prevención do abandono nos mozos e mozas. Os encontros educativos desenvolveranse o luns 4 de xuño, ás 16:30 horas, no IES de Ames, e o mércores 6 de xuño, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
Campus educativo de verán
No campus educativo de verán traballarase co alumnado de 2° ciclo de Educación Secundaria durante o verán, mediante actividades de reforzo educativo, técnicas de estudo, dinámicas educativas,... O campus educativo de verán desenvolverase nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro durante os meses de xullo e de agosto. Esta actividade está dirixida aos mozos/as de 2° ciclo de Educación Secundaria (3° e 4° de ESO), PCPI e Diversificación curricular.
En caso de ter máis solicitudes que prazas, terán prioridade os mozos/as que acompañen esta solicitude cun informe favorable do seu centro educativo (contactar coa Dirección e/ou Orientación do centro). Ofértanse un total de 30 prazas. O campus educativo ten un custe de 43 euros. Haberá que facer o ingreso na conta NovaGaliciaBanco número 2080 5215 383040000054 indicando o nome e apelidos do participante e da actividade.
Preparación das probas de ESO
Nas actividades de preparación das probas de ESO para a convocatoria de setembro formarase aos mozos e mozas maiores de 18 anos, que non obtiveron a titulación da ESO, para que preparen durante o verán as probas de obtención do título na convocatoria de setembro. Estas actividades, que están dirixidas a mozos/as maiores de 18 anos sen título da ESO, desenvolveranse os luns e mércores de xullo e agosto, en horario de 11:00 h a 13:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Ofértanse 25 prazas.
Os mozos e mozas que estean interesados/as en participar no campus educativo de verán e nas actividades de preparación das probas da ESO deben de formalizar a súa inscrición nestas actividades entre o 28 de maio e o 18 de xuño. O impreso de inscrición poderá descargarse a través da páxina web do Concello de Ames (www.concellodeames.org), ou recollelo na Oficina de Información Xuvenil (OMIX) de Bertamiráns, situada na Casa do Concello, e no Punto de Información Xuvenil (PIX), situado na Casa da Cultura do Milladoiro. Os impresos de solicitude deberán recollerse e entregarse en horario de 9:00 h a 14:00 horas.
Para obter máis información pódense poñer en contacto coa Oficina de Información Xuvenil do Concello de Ames chamando ao número de teléfono 616 083 229 ou a través do correo electrónico omix@concellodeames.org.




