Pestanas principais

A Concellaría de Xuventude pon en marcha un obradoiro de Break Dance

Sábado, 05 de xaneiro de 2013

[05-01-2013] A Concellaría de Xuventude do Concello de Ames, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), acaba de poñer en marcha unha escola de Break Dance, a primeira iniciativa que se inclúe no seu programa Cultura Urbana. Este obradoiro, destinado a mozos e mozas amienses de máis de 12 anos, impartirase os mércores de 16,30 a 18,30 horas no ximnasio do IES de Ames. As persoas interesadas en participar poden inscribirse nesta actividade ata o vindeiro 15 de xaneiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás descargar o impreso de inscrición.

A inscrición neste obradoiro de Break Dance xa se pode formalizar na Casa da Cultura do Milladoiro e na OMIX da Casa do Concello de Bertamiráns. Nestes lugares pódese solicitar a instancia de inscrición, que tamén é posible descargar na páxina web do Concello (www.concellodeames.org).

O obxectivo principal que se persegue coa escola de Break Dance é achegar esta disciplina ao colectivo xuvenil e promover os beneficios que leva a súa práctica habitual. Ademais, preténdese combater os prexuízos de perigo e inaccesibilidade desta actividade, xa que grazas ao grado de liberdade de execución que ofrece este tipo de práctica, todos os practicantes poden ser capaces de experimentar a actividade ao seu ritmo, independentemente do nivel técnico ou das capacidades físicas que cada un.

O Break Dance entendido como deporte ou baile é unha actividade física recreativa moi interesante e conveniente para a poboación moza en xeral, posto que a súa práctica habitual proporciona múltiples beneficios relacionados coa saúde e o desenvolvemento das capacidades físicas e psíquicas das persoas.

A práctica do Break Dance ofrece ao alumno/a a posibilidade de expresarse libremente, sen pór barreiras á súa necesidade creativa e permite ademais superar os obstáculos físicos que se presentan cara á procura da superación persoal. O traballo en grupo a través das tarefas colectivas como as coreografías permite que os practicantes se estimulen e motiven entre si, potencia a creatividade motriz e favorece o desenvolvemento de habilidades sociais de cooperación, liderado e dirección grupal, sempre baixo a aceptación e o respecto dos /as compañeiros/as.

Para obter máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) a través do correo electrónico omix@concellodeames.org ou do teléfono 616083229.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Concellaría de Xuventude pon en marcha un obradoiro de Break Dance"