[20-07-2015] A Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ames está desenvolvendo por segundo ano consecutivo o programa de Voluntariado Xuvenil "Tempo de lecer". Este programa enmárcase dentro da convocatoria de subvencións da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e o seu obxectivo principal é o de desenvolver e promover actividades que favorezan o desenvolvemento persoal e/ou profesional dos mozos/as e que ao mesmo tempo contribúan á mellorar a calidade de vida da comunidade.

A concelleira de Xuventude, Silvia Dapena, estivo con estes oito mozos/as o pasado venres, 17 de xullo, na festa de clausura do campamento urbano da Aula da Natureza. A edil de Xuventude animounos a seguir participando neste tipo de iniciativas e agradeceulles o seu traballo no concello. Silvia Dapena explicou que “os rapaces están moi satisfeitos co seu traballo, xa que participan moi activamente en diferentes obradoiros, excursións, xogos e deportes que lles aportan coñecementos e experiencias persoais e profesionais moi positivas”.
A través deste programa preténdese apoiar a participación xuvenil da mocidade, para reforzar o seu compromiso coa comunidade e formalos en actividades relacionadas co lecer e o medio ambiente, potenciando a súa capacitación e motivación de cara a futuras oportunidades formativas ou laborais. O traballo destes mozos/as contribúe no incremento das súas posibilidades laborais, xa que en moitos sectores profesionais valórase moi positivamente o traballo voluntario (pola iniciativa e a responsabilidade que leva implícita) e tamén aumenta as súas relacións sociais, facilitando a interrelación entre iguais.
O programa “Tempo de lecer” comprende unha gran variedade de actividades lúdicas e ambientais relacionadas coa ocupación do tempo de ocio para a infancia e a mocidade. Dito programa estase levando a cabo con 8 mozos/as de idades comprendidas entre os 16 e 30 anos. A través da labor deste equipo de 8 voluntarios/as xuvenís colabórase en diferentes actividades municipais que se desenvolven durante o verán como son os campamentos de verán (Granxa Escola Fervenzas do Toxa, Granxa Escola El Kirico e Campamento Náutico de Vilagarcía), o campamento urbano da Aula da Natureza e a Escola de verán do Milladoiro.
Os/as voluntarios/as son os encargados de colaborar no deseño, programación, execución e avaliación de todas as actividades, sempre en contacto coa responsable da OMIX que coordina o conxunto de actuacións do programa. Ao remate do programa, os participantes recibirán un diploma certificado de educación non formal, expedido pola Dirección Xeral de Xuventude e voluntariado da Xunta de Galicia.




