Pestanas principais

A Concellaría de Xuventude abre o prazo para inscribirse na actividade de rafting que se celebrará no Ulla o 2 de xuño

Sábado, 19 de maio de 2012

[19-05-2012] Durante esta xornada, os asistentes realizarán un tramo de sete quilómetros comprendidos entre Ponte de Barcala e o Mosteiro dos Franciscanos de Herbón, en Carcacía (Padrón). Para poder participar nesta actividade, que terá un custe de 25 euros, os interesados deberán ter máis de 16 anos e saber nadar. As solicitudes de inscrición poderán presentarse desde o luns, día 21, ata o xoves 31 de maio no PIX da Casa da Cultura do Milladoiro e na OMIX da Casa do Concello de Bertamiráns. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para participar nesta actividade.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, abre este luns o prazo para inscribirse na actividade de rafting que se levará a cabo no Ulla o vindeiro 2 de xuño. O custe desta xornada será de 25 euros.

Durante a actividade, os asistentes realizarán un tramo de sete quilómetros comprendidos entre Ponte de Barcala e o Mosteiro dos Franciscanos de Herbón, en Carcacía (Padrón). O programa comezará ás 09,30 horas coa saía da Praza do Concello de Bertamiráns e ás 09,45 horas da Casa da Cultura do Milladoiro. A chegada á Carcacía está prevista para as 10,30 horas e o remate da actividade e o regreso será ás 14,00 horas.

Para poder participar nesta actividade de rafting, os interesados deberán ter máis de 16 anos e saber nadar. Ademais, ese día deberán ir provistos de roupa cómoda, traxe de baño, toalla e calzado deportivo. O resto do equipo será facilitado antes do comezo da actividade.

As solicitudes de inscrición poderán presentarse desde o luns, día 21, ata o xoves 31 de maio. Os impresos deben presentarse os martes e os venres, en horario de 09,00 a 14,00 horas, no Punto de Información Xuvenil (PIX) da Casa da Cultura do Milladoiro. Na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) da Casa do Concello de Bertamiráns poderá facerse a inscrición os luns, mércores e xoves.

O impreso de inscrición poderá descargarse a través da páxina web do Concello de Ames (www.concellodeames.org), ou recollelo nos puntos de información ou na OMIX. O modelo de inscrición deberá entregarse acompañado da seguinte documentación: fotocopia do DNI ou pasaporte en vigor, fotocopia da tarxeta da Seguridade Social e o xustificante de pago das cotas.