Pestanas principais

A Concellaría de Turismo e a agrupación de Protección Civil de Ames poñen en marcha en Semana Santa un operativo especial destinado ao apoio dos peregrinos/as

Mércores, 17 de abril de 2019

O concello de Ames constitúese como paso obrigado para os peregrinos e peregrinas que, ou ben percorren o Camiño Portugués cara a Santiago de Compostela, ou ben deciden rematar a súa experiencia xacobea en Fisterra e Muxía. Así, en vista ao incremento de persoas que deciden realizar algún destes camiños durante a Semana Santa, a agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil e a Concellaría de Turismo de Ames están a realizar un operativo especial co obxectivo de asesorar, resolver incidencias e prestar axuda aos distintos camiñantes. Para elo, entre o sábado 13 de abril e o domingo 21, varios membros/as da agrupación atópanse tanto no Milladoiro como en Ponte Maceira para resolver calquera incidencia ou dúbida que poida xurdir ao abeiro da ruta xacobea.

A proximidade de Ames a Santiago converte o municipio en paso obrigado nalgunha das rutas xacobeas que teñen como obxectivo achegar a persoas provintes de diversos países a Compostela, un dos puntos con máis significado espiritual do mundo. Así, o Milladoiro convertese no paso previo á entrada en Compostela para os peregrinos que completan o Camiño Portugués, mentres que Ponte Maceira é zona de paso para aqueles/as que se animan a completar o treito que separa a capital galega de Fisterra e Muxía.

En vista ao gran número de persoas que se animan a realizar algún destes percorridos durante a Semana Santa, esta semana a Concellaría de Turismo e os voluntarios/as da agrupación de Protección Civil de Ames levan a cabo un operativo especial destinado a recibir, informar e atender aos peregrinos que pasen polo municipio amesá. Dende o sábado 13 de abril, varios voluntarios/as percorren tanto a pé como en bicicleta os treitos dos camiños portugués e fisterrá que pasan por Ames para atender as posibles incidencias que poidan xurdir. Asemade, un vehículo da agrupación está estacionado no Cruce da Travesía do Porto coa rúa Madalena e a estrada DP-0206 para facilitarlles información aos peregrinos/as e facilitar o seu paso por esa zona.

A finalidade destas accións é, por unha banda, coñecer de preto o estado do camiño e achegarse á vivencia do peregrino/a para mellorar a súa experiencia e atender as distintas incidencias que poidan xurdir. Por outra banda, tamén se lles ofrece aos camiñantes información relacionada co Camiño, asesoramento sobre as asistencias e servizos que lles ofrece o concello e a entrega de guías informativas de Ames. Todo elo enfocado a facer o máis agradable posible a súa experiencia.

Neste senso, o equipo da Protección Civil de Ames apunta que entre as 10.30 e as 13.30 horas, espazo de tempo no que se dedican en profundidade ao operativo, poden chegar a contabilizarse o paso de 200 a 250 persoas diarias. Oleg Lazovsky, voluntario da agrupación encargado de coordinar dita iniciativa, afirma que o motivo destas cifras débese a que moitos peregrinos/as buscan chegar a Santiago para comer ou para asistir á misa das 12.00h. Dito operativo manterase ata o domingo, 21 de abril.

A Concellaría de Turismo e a agrupación de Protección Civil de Ames poñen en marcha en Semana Santa un operativo especial destinado ao apoio dos peregrinos/as