Pestanas principais

A Concellaría de Turismo colabora coa parroquia de Ortoño nunha peregrinación pola ruta “Ría de Muros-Noia”

Martes, 18 de xaneiro de 2022

“Alcancemos novas metas!” é o lema da peregrinación pola ruta do Camiño de Santiago “Ría de Muros- Noia” que organiza a parroquia de Ortoño coa colaboración da Concellaría de Turismo de Ames. O evento desenvolverase en seis etapas a partir do 22 de xaneiro de 2022. As persoas interesadas poden obter máis información na web da parroquia. Até o momento hai 120 persoas anotadas.

Logo de que a data da primeira etapa deste camiño, prevista para o día 6 de decembro, tivera que adiarse por mor da chuvia, a peregrinación que organiza a parroquia de Ortoño en colaboración coa concellaría de Turismo de Ames, comezará o día 22 de xaneiro. Os peregrinos viaxarán en autobús até a vila de Muros de onde partirá esta primeira etapa que rematará na Egrexia de Tal, despois de percorrer 12 quilómetros. Protección Civil de Muros colaborará no desenvolvemento da xornada.

Até o momento hai 120 persoas apuntadas, aínda que o párroco de Ortoño, Xosé Luis Dorelle, cre que poderán chegar ás 150. “Temos a sorte de que este camiño da Ría Muros- Noia pasa polo noso concello e o que nos pretendemos con esta proposta é pasar de ser meros espectadores dos peregrinos que o percorren, a ser nós tamén peregrinos”, manifesta o párroco ao tempo que conta que inscribíronse veciños e veciñas de todas as idades: “Moitas familias, xente nova, persoal voluntario da parroquia e algúns avós e algunhas avoas”.

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, que, como gran coñecedor do terreo, participará activamente na peregrinación, considera moi importante esta iniciativa polo feito de que “pon en valor o camiño da Ría Muros-Noia e dao a coñecer entre a propia veciñanza do Concello”.

O valor histórico e o recoñecemento relixioso
Entrevistado por Juan Luis Silva na Radio Municipal de Ames, o párroco Xosé Luis Dorelle, lembra que a ruta Ría de Muros – Noia foi recoñecida oficialmente como un dos camiños de peregrinación a Santiago polo anterior deán, Segundo Pérez, que se baseou nun documento do emperador Carlos V no que lle pide ao Papa da época que  tamén “conceda indulxencia plenaria aos peregrinos que chegan en barco até Muros”.

Após de realizar esta primeira etapa, o vindeiro 22 de xaneiro, está previsto que a peregrinación continúe o 27 de febreiro, o 2 e o 9 de abril, o 21 de maio e o 11 de xuño de 2022.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Peregrinación pola Ruta da Ría dende este sábado"

Cartaz da peregrinación pola ruta “Ría de Muros-Noia”