Pestanas principais

A Concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames adía o inicio da segunda fase da campaña de tarxetas bono Merc@mes

Xoves, 19 de agosto de 2021

A Concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames adía o inicio da segunda fase da campaña de tarxetas bono Merc@mes, de xeito que comezará o 15 de setembro e alongarase até o 15 de novembro de 2021. Calquera persoa, residente ou non, no concello de Ames, pode adquirir os bonos que se poñerán a venda a partir do mesmo día 15 de setembro en Bertamiráns e no Milladoiro, tan só presentando o DNI que o acredite como maior de 18 anos. 207 establecementos adheríronse á esta campaña coa que se pretende valorizar e impulsar as compras no comercio local. A relación dos establecementos adheridos será publicada na páxina web municipal e na páxina web da entidade colaboradora, XEA. O Concello de Ames inverte 92.000 euros en axudas directas a adquisición de bonos para incentivar  as compras nos establecementos comerciais do Concello nesta segunda fase da campaña. Esta contía inclúese no programa Ames Progresa que se aprobou no pleno ordinario do mes de xullo.

A tarxeta-bono Reactiva Ames é unha tarxeta prepago a través da cal o Concello de Ames poñerá ao dispor das persoas beneficiarias unha axuda igual ao 40% do valor da mesma. O Concello de Ames nesta segunda fase da campaña poñerá ao dispor dos beneficiarios, a través da entidade colaboradora, un total de 2.800 tarxetas que funcionarán como unha tarxeta visa prepago, con banda magnética, sen chip nin PIN (anónimas).

Estas tarxetas poderán ser utilizadas en futuras promocións que se poñan en marcha desde o Concello de Ames. O Concello de Ames cofinanciará dous tipos de tarxeta-bono Reactiva Ames:

• 1.000 tarxetas Reactiva Ames por valor de 50 euros. Do valor total da tarxeta o Concello de Ames achegará 20 euros e a persoa beneficiaria achegará 30 euros.

• 1.800 tarxetas Reactiva Ames de 100 euros. Do valor total da tarxeta o Concello de Ames achegará 40 euros e a persoa beneficiaria achegará 60 euros.

O Concello aporta o 40% do valor dos bonos
O Concello de Ames destina a esta segunda fase a cantidade de 100.400 euros, dos que 92.000 euros son axudas directas á adquisición de bonos e os 8.400 euros restantes destinásense a sufragar os custos que supón a adquisición das tarxetas-bono. A achega municipal supón un 40% do saldo de cada tarxeta como medida de apoio ao comercio local. A axuda de 100.400 euros que dará o Concello ás asociacións de comerciantes permitirá poñer en movemento 230.000 euros para gastos directos no comercio local, que sumados aos 200.000 da campaña anterior suman unha cifra de 430.000 € de volume de negocio.

Poderase mercar unha tarxeta bono de cada tipo

A axuda do Concello de Ames é igual ao 40% do valor da tarxeta-bono solicitada pola persoa beneficiaria. Cada persoa poderá solicitar e adquirir un máximo de 1 tarxeta-bono de cada tipo; é dicir, cada persoa poderá adquirir como máximo unha tarxeta bono de 50 € e unha tarxeta bono de 100 euros. As persoas que na primeira fase da campaña colleran unha soa poderán coller a outra . As persoas que teñan tanto unha tarxeta de 50 coma de 100, non poderán coller novas tarxetas. Lémbrase ás persoas solicitantes que non tiren as tarxetas xa que poderán reutilizalas nas próximas campañas .

Plan Ames Progresa

A sesión do pleno ordinario do mes de xullo aprobou o Plan Ames Progresa, un ambicioso plan de choque destinado a reactivar a economía amesá e que foi aprobado por unanimidade polo pleno municipal.

O Plan Ames Progresa busca, entre outros obxectivos, impulsar, reforzar, dinamizar e reactivar o sector do comercio, e dentro deste plan destínanse 100.000 € a segunda fase da campaña de tarxetas bono Merc@mes, é por isto que a concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames, para poder facer uso desta partida orzamentaria, adía o inicio da segunda fase de tarxetas bono Merc@mes, de xeito que comezará o 15 de setembro e alongarase ata o 15 de novembro de 2021.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que: “O obxecto destas axudas é apoiar ao sector comercial e hostaleiro do municipio de Ames, tratando de impulsar o consumo local a través da posta en funcionamento das tarxetas-bono Reactiva Ames para investir os establecementos comerciais e de hostalería do municipio. Esta campaña enmárcase dentro do Plan Reactiva Ames, presentado no pasado mes de outubro, e que conta con 99 medidas de reactivación económica e social para o concello de Ames. Con estas novas tarxetas xerarase un volume de negocio total entre as dúas fases da campaña de 430.000 euros”.

Novas relacionadas

Lindeiros: "Ames comezará a campaña de bonos Merc@mes o 15 de setembro"

La Voz de Galicia: "La segunda fase del plan Merc@mes comercializa 2.800 bonos con rebajas del 40 % para comprar en 207 comercios de Ames"

 
Merc@mes