Pestanas principais

A concellaría de Mocidade informa da existencia de prazas vacantes nas aulas de reforzo en Bertamiráns e no Milladoiro para 1º e 2º da ESO

Mércores, 17 de febreiro de 2016

[17-02-2016] A concellaría de Mocidade informa de que os alumnos e alumnas dos cursos de 1º ou 2º da ESO aínda se poden inscribir no programa de reforzo educativo. Das 96 prazas que se ofertaron, 48 por cada centro de secundaria, quedan libres 12 no IES do Milladoiro e 20 no de Bertamiráns. Premendo á túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o formulario de inscrición para participar nas aulas de reforzo.

A actividade de reforzo iniciouse o pasado mes de xaneiro e prolongarase até o remate do curso escolar, no mes de xuño. En total impártense cada semana catro horas de formación, a cargo de dous docentes, divididas por cursos- 1º e 2º da ESO- e por áreas formativas. Os alumnos e alumnas poderán escoller entre asistir ás aulas de competencias básicas na área de Letras ou ás de Ciencias. Os horarios de cada competencia son alternos segundo os alumnos e alumnas sexan do primeiro ou do segundo ano, de 16:30 a 17:30 ou de 17:30 a 18:30 horas. A cada hora de reforzo educativo poden asistir até 12 alumnos ou alumnas.

Esta actividade destínase ao alumnado do primeiro ciclo da ESO por ser este un dos colectivos con maior demanda de formación. Dende a concellería de Mocidade inciden na importancia de acompañar aos e ás estudantes no paso da Educación Primaria á Secundaria. Así mesmo destacan o fundamental de establecer, ao longo desta etapa de adaptación, uns hábitos de traballo, un seguimento e un ritmo diario nos estudos, buscando ademais prever comportamentos relacionados co fracaso ou o abandono escolar.

As leccións estrutúranse seguindo o método de "aprender facendo", evitando que sexan unha extensión das clases regulares. Con elas quérese fomentar a comprensión das ideas adquiridas nos centros de secundaria a través da práctica dos contidos traballados nas aulas. As actividades de reforzo foron ideadas para completar lagoas de coñecemento, repasar contidos concretos traballados en clase ou, naqueles casos nos que os alumnos ou alumnas o requiran, facilitar a recuperación de destrezas instrumentais básicas que dificultan ou mesmo imposibilitan ao alumnado atender o desenvolvemento ordinario das clases nos IES.

O alumnado interesado en solicitar algunha das prazas vacantes debe cubrir as follas de inscrición, dispoñibles na web municipal, nas secretarías dos centros educativos, na Oficina Municipal de Información Xuvenil situada na Casa da Cultura de Bertamiráns (os luns, mércores ou xoves) ou no Punto de Información Xuvenil (PIX) situado na Casa da Cultura de Milladoiro (os martes ou venres).