Pestanas principais

A Concellaría de Medio Ambiente pospón para o 31 de agosto o Obradoiro de Iniciación á Observación Astronómica do Milladoiro

Luns, 24 de agosto de 2015

[24-08-2015] A Travesía do Porto, no Polígono Novo Milladoiro, acollerá o luns 31 de agosto, a partir das 10:30 un novo Obradoiro de Iniciación á Observación Astronómica”. A actividade, organizada pola Concellaría de Medio Ambiente en colaboración co Observatorio Astrónómico Ramón María Aller, estaba prevista para o martes 25 de agosto. Porén, as previsións meteorolóxicas que indican que os ceos están cubertos, fan que a actividade se pospoña para o último día de agosto. O obradoiro de Iniciación á Observación Astronómica encádrase dentro do programa “Todo Cosmos”, que pretende achegar o mundo da astronomía a diferentes concellos de Galicia. Un obradoiro semellante realizouse o pasado 20 de agosto en Bertamiráns con gran éxito de público. Preto de cen persoas tiveron a oportunidade de poñerlle imaxe e nome concreto aos corpos celestes que orbitan no noso ceo.

Programa Todocosmos
O Concello de Ames colabora co Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, no desenvolvemento do programa Todocosmos, que pretende achegar o mundo da astronomía a diferentes concellos de Galicia. Este programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a ciencia astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade: cursos, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, etc.

Parte fundamental do programa constitúeo o proxecto "A Astronomía ao alcance de todos: colaboración Universidade-Concellos-Organismos Públicos e Empresas", que co acrónimo TODOCOSMOS conta con financiamento da FECYT para o ano 2015, e no que participan así mesmo os concellos de Ames, Lalín, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, Santiago de Compostela, Teo e Vedra, así como a empresa Óptica Val.
Os cráteres da lúa, os aneis de Saturno e os satélites que circundan ese planeta xigante, estrelas, nebulosas, constelacións e ata a estación espacial que viaxa con cinco tripulantes a 28.000 quilómetros por hora, foron contemplados polas preto de cen persoas de todas as idades que o pasado xoves se congregaron no Paseo Fluvial de Bertamiráns para participar no primeiro dos dous obradoiros de Iniciación á Observación Astronómica que a Concellaría de Medio ambiente organiza este verán.

Coa finalidade de minimizar no posible a contaminación lumínica e de que a visión fora ao máis nítida posible, a concellaría de Medio Ambiente dispuxo que se apagaran os farois que iluminan esa zona de parque. O monitor do Observatorio Astronómico Ramón maría Aller, Pedro Pablo, explicou de xeito sinxelo e didáctico aos asistentes cuestións científicas e curiosidades relativas aos planetas, ás estrelas e as constelacións. Os asistentes tiveron a oportunidade de contemplar os astros celestes a través dos grandes telescopios instalados no paso Fluvial e de facer cantas preguntas desexaron aos técnicos responsables da actividade.

O Obradoiro de iniciación á Observación Astronómica repetirase o luns, 31 de agosto no Milladoiro, na rúa do Porto, no Polígono Novo Milladoiro, a partir das 22:30. A concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, salienta o éxito acadado pola actividade en Bertamiráns e convida aos veciños e veciñas a que se acheguen a Milladoiro “A actividade está aberta a toda a veciñanza e non é preciso apuntarse previamente e dado o éxito da xornada que se desenvolveu a semana pasada en Bertamiráns, animo a todos os veciños e veciñas a que se acheguen ao Milladoiro para poder gozar doutra noite mirando estrelas e para coñecer mellor os astros que compoñen o noso mapa celeste ”.




Contido relacionado


"Ames aplaza su seminario de observación astronómica"