Pestanas principais

A Concellaría de Medio Ambiente pon en marcha varias iniciativas para os centros educativos

Xoves, 27 de xaneiro de 2011

[27-01-2011] Co gallo da declaración do ano 2011 como Ano Internacional da Química e Ano Internacional dos Bosques pola Organización das Nacións Unidas a Concellaría de Medio Ambiente propón unha serie de actividades para os centros educativos de Ames a través da Aula da Natureza. O obxectivo da iniciativa é promover entre os nenos e nenas unha conciencia crítica e sensíbel a respecto do medio ambiente, dos seus problemas e dos riscos que trae consigo o seu deterioro. Para iso levaranse a cabo unha serie de actividades para rapaces e rapazas de educación infantil e primaria dentro e fóra das aulas.

O Concello de Ames súmase aos esforzos de sensibilización sobre os problemas da natureza que promove a declaración por parte da ONU deste 2011 como Ano Internacional da Química e Ano Internacional dos Bosques. A través da Aula da Natureza levaranse a cabo unha serie de actividades propostas aos centros educativos amienses que procuran concienciar os nenos e nenas do concello arredor dos problemas do medio ambiente. A iniciativa busca promover unha conciencia crítica e a sensibilización cos problemas ambientais ao tempo que alertar sobre os riscos derivados da degradación da natureza. Os alumnos e alumnas dos centros educativos amienses coñecerán a necesidade de camiñar cara un futuro sostíbel, obxectivo prioritario para o Concello de Ames.

As actividades propostas promoven o coñecemento e a valorización do medio ambiente e amosan a relación existente entre os problemas ambientais de ámbito puramente local e as desastrosas consecuencias sobre a calidade de vida, a saúde e a economía a nivel mundial. O programa estrutúrase arredor de actividades na aula e fóra desta.

Dentro das actividades a realizar na aula está 'A enerxía de cada día', pensada coma un conto de educación ambiental con actividades e un xogo informático, 'Os sostibles', editado polo INEGA. Os destinatarios desta actividade son os nenos de infantil e primeiro ciclo de primaria, asistindo dúas aulas por sesión cunha duración de media hora. Para rapaces máis maiores está pensado o programa 'Pequenos científicos', unha serie de obradoiros estruturados nunha pequena charla introdutoria sobre a Química que dea paso á realización de diversos experimentos como a elaboración de tinta invisíbel, de líquidos luminosos ou a descomposición en cores de tintas negra. Nestas actividades participarán os nenos e nenas de 3º, 4º e 5º de primaria asistindo un aula por sesión e cunha duración dunha hora.

Monte escolar e Bosque de ribeira

As actividades programadas fóra da aula son dúas. Por unha banda 'Monte escolar de Ames', que se realizará nunha finca forestal da parroquia de Trasmonte que ardeu no verán de 2006 e cedida ao Concello para levar a cabo os traballos de recuperación e mellora tras un convenio cos propietarios. Neste 'Monte escolar de Ames' realizaranse actividades de valorización do monte, plantacións, podas, limpezas ou usos complementarios. Durante este ano os traballos vanse centrar na mellora dos nutrientes e na aireación do terreo, empregando abono orgánico que provén da planta de residuos da mancomunidade Serra do Barbanza. A actividade destínase aos alumnos de 6º de Educación Primaria, asistindo dúas aulas por sesión cunha duración aproximada de tres horas.

A outra actividade a realizar fóra da aula é 'O bosque de ribeira', unha actividade ambiental centrada no recoñecemento da estrutura dun bosque deste tipo, coñecendo as plantas que viven nel e os animais que se agochan neste tipo de vexetación. Esta actividade realizarase, dependendo do centro, no entorno da Ruta de Riamontes ou no da Ruta do Tambre. Cada centro poderá solicitar dúas saídas cun máximo de 50 nenos e nenas en cada unha delas.

Ademais consideraranse outras actividades nas que os centros estiveran interesados para futuras ofertas co obxectivo de conseguir espallar entre os rapaces e rapazas a necesidade de coidar o medio ambiente e a conciencia sobre o desenvolvemento sostíbel. O obxectivo é que as novas xeracións se esforcen por manter un medio ambiente axeitado e que asegure simultaneamente o progreso, o desenvolvemento e a conservación dos recursos e a calidade de vida.