Pestanas principais

A Concellaría de Medio Ambiente pon en marcha un novo campamento urbano para as tardes de xullo

Xoves, 10 de maio de 2012

[10-05-2012] Esta iniciativa, denominada Tardes ao Natural, está pensada para rapaces de entre 6 e 14 anos, que poderán pasar os seráns do 9 ao 21 de xullo na Aula da Natureza. O Concello habilitará un servizo de autobús para trasladar os e as participantes. Os rapaces poderán realizar todo tipo de actividades manuais e ao aire libre. O campamento terá un custe de 50 euros. Para a realización desta actividade será preciso contar cun mínimo de 25 rapaces inscritos.

A Concellaría de Medio Ambiente, Sanidade e Cultura do Concello de Ames deseñou para este verán un campamento urbano pensado para as tardes de parte do mes de xullo. Trátase dunha iniciativa pioneira no municipio, que se levará a cabo entre os días 9 e 21 de xullo e na que poderán participar rapaces de entre 6 e 14 anos. Para a realización desta actividade será preciso contar cun mínimo de 25 rapaces inscritos.

A Concellería pon en marcha este campamento, chamado Tardes ao Natural, pensando nas demandas dos veciños e veciñas amienses, que veñen solicitando a posibilidade de que se fixesen actividades para os máis novos nas tardes do verán. O campamento desenvolverase en horario de 16,30 a 20,00 horas e terá un custe de 50 euros.

Para facilitar a asistencia dos rapaces e dar maior comodidade aos pais e nais, o Concello habilitará un servizo de autobuses que trasladará os participantes ata a Aula da Natureza e os levará de volta ao finalizar as actividades. Durante as xornadas do campamento urbano Tardes ao Natural, os nenos e nenas poderán realizar multitude de actividades. Por exemplo, aprenderán a elaborar xabóns, papel reciclado, papel de augas e iniciaranse na química, farán teares e aprenderán sobre herbas medicinais.

Ademais, levarán a cabo actividades relacionadas coa elaboración de candeas, feltreado, maquetas e aprenderán todo o necesario sobre a fauna e flora do río, cunchas, astronomía ou sobre a horta. Para favorecer o contacto dos rapaces co aire libre, tamén se realizarán xogos populares, xincanas e grandes xogos. O campamento urbano rematará cunha festa para os rapaces.