Pestanas principais

A Concellaría de Medio Ambiente pon en marcha un curso de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico

Sábado, 12 de marzo de 2016

[12-03-2016] A Concellaría de Medio Ambiente de Ames informa da apertura de prazo para a inscrición no curso de aplicador/a e manipulador/a de produtos fitosanitarios de nivel básico que se desenvolverá no mes de abril na Aula da Natureza, en Ameixenda. O curso, de 25 horas de formación, dará comezo o venres, 15 de abril, e a matrícula ten un prezo de 63,75 euros. A matrícula inclúe as taxas do exame que se realizará ao seu remate, na propia Aula da Natureza, e que é imprescindible aprobar para obter o carné.

A concellaría oferta 26 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. Para inscribirse é necesario acudir ás oficinas da Concellaría de Medio Ambiente, situadas na Casa do Concello de Ames. Aos interesados e interesadas entregaráselles unha folla de autoliquidación, que deberán cubrir. Tras realizar o ingreso no banco do prezo da matrícula devolverase, tamén na oficina da Concellaría, a folla de autoliquidación cun recibo do pagamento para completar a inscrición.

O Real Decreto 1311/12 creou un marco normativo que busca estender un uso sostible dos produtos fitosanitarios. Os usuarios profesionais, así como os vendedores destes produtos, deben estar en posesión dun carné que acredite que posúen os coñecementos apropiados para exercer a súa actividade.

A aplicación dos produtos fitosanitarios, xa sexan xeradores de gases clasificados como tóxicos ou moi tóxicos ou outro tipo de produtos, é unha práctica moi habitual na meirande parte das actividades do sector agrario: no viñedo, na horta, nas extensións de árbores froiteiras etc. Toda persoa, auxiliar ou agricultor, que queira aplicar aos seus cultivos estes produtos deberá estar en posesión do devandito carné de nivel básico. Este documento é tamén necesario para a compra de sulfatos ou herbicidas, por exemplo.

A Concellaría de Medio Ambiente pon en marcha este curso, tras comprobar a alta demanda da súa realización por veciños e veciñas de Ames, coa fin de dar a coñecer os efectos deste tipo de produtos tanto na saúde humana coma no medio, contribuíndo a reducir os riscos do seu uso e fomentando un uso sostible deles. No curso mostraranse ademais xeitos alternativos de xestionar as pragas dos cultivos, alternando o uso de pesticidas, por exemplo, con técnicas alternativas tales como os métodos non químicos. A empresa contratada para impartir o curso é un centro autorizado pola Consellería de Medio Rural, órgano que homologará a formación adquirida.

Todas a sesións de aprendizaxe terán lugar na Aula da Natureza, en Quintáns, na parroquia de Ameixenda. A primeira terá lugar o venres 15 de abril de 16:00 a 21:30 horas, a segunda o sábado 16 de abril de 9:00 a 14:30 horas, a terceira o venres 22 de abril de 16:00 a 21:30 horas, a cuarta o sábado 23 de abril de 9:00 a 14:30 horas e a derradeira, día no que se realizará o exame, o domingo 24 de abril de 9:00 a 14:00 horas.

Para máis información pódese contactar a propia Concellaría de Medio Ambiente chamando ao teléfono 619829772.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Organizan un curso de manipulador de productos fitosanitarios de nivel básico"