Pestanas principais

A Concellaría de Medio Ambiente e a Agrupación de Protección Civil de Ames coordinan os traballos de trampeo da avespa velutina

Sábado, 30 de marzo de 2019

Este venres, 29 de marzo, o salón de Plenos da Casa do Concello acolleu unha xuntanza entre membros da Concellaría de Medio Ambiente e da Agrupación de Protección Civil de Ames co obxectivo de coordinar os traballos que realizarán ambas partes para o control da vespa velutina en Ames. Esta reunión marca o inicio da campaña deste ano, polo que estivo destinada a planificar as distintas actuacións que se desenvolverán para a captura responsable das raíñas. Á xuntanza asistiron o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, o concelleiro de Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, o presidente da agrupación amesá de Protección Civil, Juan Pérez, e a técnica de Medio Ambiente, Patricia Reboreda.

A Concellaría de Medio Ambiente e a Agrupación municipal de Protección Civil de Ames poñen en marcha, por segundo ano consecutivo, a campaña de captura responsable de raíñas de vespa velutina, que se levará a cabo entre os meses de abril e xuño. Co obxectivo de planificar e coordinar as accións que ambos departamentos realizarán durante a campaña, membros de ambos departamentos acudiron este venres a unha reunión realizada no salón de Plenos da Casa do Concello.

Durante a xuntanza, o concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, e a técnica de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, expuxeron as actuacións que se realizarán no tocante ao inicio do trampeo. Esta etapa inicial está enfocada a capturar ás raíñas e imposibilitar, dese xeito, a aparición de máis niños primarios. Para elo, ata o de agora repartíronse un total de 61 trampas elaboradas con líquidos atraentes específicos, mediante os que se busca evitar minimizar os danos que estas poidan ocasionar a outros insectos.

Os colaboradores, que neste momento ascenden a un total de 62, deberán asinar un compromiso para garantir que o trampeo se realizará só durante os meses de abril a xuño, e exclusivamente co líquido facilitado polo departamento de Medio Ambiente. Mediante estas medidas espérase minimizar ao máximo o uso de produtos que poidan alterar ou eliminar outros insectos ou plantas de forma colateral, actuando en exclusiva durante o tempo de voo das raíñas desta especie de vespa.

Pola súa banda, o concelleiro de Obras Públicas e Servizos Básicos, e o presidente da agrupación amesá de Protección Civil, indicaron como se levará a cabo a retirada dos niños avistados polos veciños e veciñas. A agrupación de Protección Civil de Ames conta con dez persoas voluntarias adscritas ao servizo enfocado ao control desta especie invasora, que tamén farán trampeos polas zonas máis afectadas pola vespa velutina. Asemade, a campaña intensificarase nos núcleos urbanos, en especial en espazos especialmente delicados como cornixas, balcóns ou entradas de garaxes.

Así mesmo, tamén se colocarán trampas nun radio de 500 metros arredor dos niños secundarios. Estes niños xa non supoñen ningún risco, xa que foron abandonados pola avespas, porén é frecuente que as novas raíñas se enterren preto dos antigos asentamentos. As accións desenvolvidas polo Concello de Ames na loita contra a avespa velutina seguen a liña de actuación recomendada pola Asociación Galega de Apicultores (AGA).

Charlas informativas
Entre os acordos acadados ao longo da mañá, destaca a realización de charlas informativas por parroquias co fin de dar a coñecer as características da vespa velutina, a súa alimentación, os tipos de niños, alimentación... e, ao mesmo tempo, tentar aclarar algúns falsos mitos que xurdiron en torno a esta especie e poñer fin a métodos para combatela que resultan prexudiciais para o medio ambiente. Asemade, farase especial fincapé na importancia de contar coa colaboración cidadá para minimizar a presenza deste tipo de vespa , mediante a detección e o aviso ao 112 para a súa retirada.

Entre as novidades deste ano atopase a implicación dos máis cativos/as. Para elo deseñaranse charlas informativas destinadas aos amesás máis pequenos para que coñezan a situación que rodea a esta especie e que, coa súa capacidade de observación, sexan quen de detectar a presenza dos primeiros niños.

Ademais, durante a mañá ambos departamentos perfilaron a posta en común da información para a elaboración dun mapa xeolocalizado que sirva para realizar unha comparativa cos datos recollidos na campaña do ano pasado. Ao igual que na anterior campaña, este rexistro facilita coñecer o estado da situación da vespa velutina na actualidade con respecto ao pasado ano, que lugares son os máis afectados por esta especie, e o seu comportamento.

Colocación de trampas
As persoas interesadas en colaborar na loita fronte a expansión da velutina poderán solicitar unha destas trampas a través da Aula da Natureza, enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 660 004 665, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O obxectivo desta acción é ir distribuíndo trampas polas parroquias máis afectadas, seguindo unha pauta de distribución de 500 metros entre elas.

Balance da campaña de 2018
En 2018 foron repartidas 150 trampas que, sumadas ás 100 de 2017, suman un total de 250. Asemade, durante as dúas semanas de maior actividade, chegáronse a retirar entre 50 e 100 raíñas diarias. Ademais, a agrupación de Protección Civil recibiu 564 avisos para retirar niños. Cabe destacar, que dos 564 niños avistados, a parroquia de Ortoño (145) foi onde maior número deles se concentrou, seguida por Ames (98), Biduído (93), Bugallido (61), Covas (42), Trasmonte (36) e Agrón( 33). Asemade, as zonas das que menos avisos recibiron foron Lens (11), Tapia (12), Piñeiro (16) e Ameixenda (17).

Ao igual que en 2018, durante este ano as trampas serán colocadas en dúas fases diferentes, a primeira das cales desenvolverase entre os meses de marzo e maio. As trampas que se coloquen durante este primeiro período estarán dirixidas á captura de raíñas, que nesta altura do ano deixan de estar enterradas para a creación de novos niños. A segunda etapa do ciclo de loita contra a avespa velutina terá lugar nos meses de setembro e outubro. Nesta fase o obxectivo será apresar as novas raíñas existentes despois da primeira etapa.

Ligazóns

A Concellaría de Medio Ambiente e a Agrupación de Protección Civil de Ames coordinan os traballos de trampeo da avespa velutina

Multimedia

  • A Concellaría de Medio Ambiente e a Agrupación de Protección Civil de Ames coordinan os traballos de trampeo da avespa velutina