Pestanas principais

A Concellaría de Medio Ambiente e a agrupación de Protección Civil de Ames comezarán a coordinar os traballos de loita contra a avespa velutina

Sábado, 03 de marzo de 2018

[03-03-2018] Este xoves, 1 de marzo, o Salón de Plenos da Casa do Concello acolleu unha xuntanza entre membros da concellaría de Medio Ambiente e da agrupación de Protección Civil de Ames. O obxectivo deste encontro foi o de establecer unha coordinación entre as diferentes actuacións levadas a cabo para o control da avespa velutina, unha especie invasora amplamente estendida no concello de Ames, así como na maior parte de Galicia. Á xuntanza asistiron o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, e o concelleiro de Obras Públicas e Servizos Básicos e presidente da agrupación amesá de Protección Civil, Blas García.

Coa finalidade de mellorar as actuacións e o coñecemento mutuo sobre o avance ou o retroceso da avespa velutina en Ames, a Concellaría de Medio Ambiente e a agrupación municipal de Protección Civil comezarán a coordinar as accións e a compartir información no relativo á evolución desta especie invasora. A colaboración entre os dous departamentos foi acordada o pasado xoves, 1 de marzo, nunha xuntanza realizada entre membros da Concellaría de Medio Ambiente e da agrupación de Protección Civil de Ames. Un encontro que tamén contou coa participación do concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, e do concelleiro de Obras e Servizos Básicos e presidente da agrupación municipal de protección civil, Blas García.

Durante o desenvolvemento da xuntanza tamén se abordaron as principais prioridades na loita contra a avespa velutina, a cal xa ten un amplo percorrido en Ames. No 2017, a Concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible repartiu medio cento de trampas coas que tentar capturar ás raíñas e imposibilitar, dese xeito, a aparición de máis niños primarios. Este ano, o departamento de Medio Ambiente conseguiu ampliar o programa polo que distribuirá no total un cento de trampas entre as veciñas e veciños do concello.

Desta maneira, as persoas interesadas en colaborar na loita fronte a expansión da velutina poderán solicitar unha destas trampas a través da Aula da Natureza, enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 660 00 46 65, en horario de 9:00 a 14:00h. O obxectivo desta acción é ir distribuíndo trampas polas parroquias máis afectadas, seguindo unha pauta de distribución de 500 metros entre elas.

Como novidade, neste 2018 as trampas serán colocadas en dúas fases diferentes, a primeira das cales desenvolverase entre os meses de marzo e maio. As trampas que se coloquen durante este primeiro período estarán dirixidas á captura de raíñas, que nesta altura do ano deixan de estar enterradas para a creación de novos niños. A segunda etapa do ciclo de loita contra a avespa velutina terá lugar nos meses de setembro e outubro. Nesta fase o obxectivo será apresar as novas raíñas existentes após a primeira etapa.

Así mesmo, tamén se irán colocar trampas nun radio de 500 metros arredor dos niños secundarios. Estes niños xa non supoñen ningún risco, xa que foron abandonados pola avespas, porén é frecuente que as novas raíñas se enterren preto dos antigos asentamentos. As accións desenvolvidas polo Concello de Ames na loita contra a avespa velutina seguen a liña de actuación recomendada pola Asociación Galega de Apicultores (AGA). Cómpre destacar asemade que preto de medio centenar das tramas que se isntalarán foron realizadas pola asociación Arcea-Adames.

Plan de control da avespa velutina
O Concello de Ames está adherido ao plan de control da avespa velutina da Consellaría de Medio Rural, o que lle permite dispor de equipos de protección individual e dunha pértega con elementos accesorios. Ademais, o acordo subscrito entre as dúas Administracións tamén posibilita que o grupo de persoas voluntarias de Protección Civil de Ames dedicadas a estas labores reciban información especializada, orientada á realización de traballos de retirada de niños.

A avespa velutina é una especie exótica invasora que chegou a Galicia no ano 2012, e que tivo unha grande expansión na nosa Comunidade desde 2015. En Ames xa hai moitas zonas do rural que están completamente invadidas por esta especie, cuxos niños tamén se empezan a ver nos núcleos de poboación e nas vilas.

55 avisos por presenza de avespas velutinas
A agrupación de Protección Civil de Ames conta con dez persoas voluntarias adscritas ao servizo enfocado ao control desta especie invasora. Desde a súa incorporación ao servizo de emerxencias do 112 no mes de novembro, a agrupación municipal de Protección Civil rexistrou 55 avisos por presenza de avespas velutinas, a través dos que se detectaron 28 niños dos cales nove xa foran eliminados.

Coa finalidade de mellorar a formación das persoas voluntarias que realizan actuacións de control da avespa velutina, o departamento de Medio Ambiente está a organizar unha serie de palestras co entomólogo e membro de Protección Civil da agrupación de Cambre, Lolo Andrade. Alén diso, as dez persoas voluntarias adscritas ao servizo de control da velutina xa realizaron previamente un curso de formación orientado ao control e eliminación da vespa velutina, así como ao correcto uso da pértega e dos líquidos fitosanitarios e biocidas empregados na súa erradicación. Actualmente, os dous departamentos están a pór en marcha conxuntamente unha campaña de retirada de niños.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Ames lucha contra la avispa velutina"