Pestanas principais

A concellaría de Medio Ambiente convoca un concurso de debuxo sobre a sensibilización ambiental e a importancia de recoller os excrementos das mascotas

Xoves, 03 de marzo de 2016

[03-03-2016] A concellaría de Medio Ambiente está deseñando unha campaña para concienciar aos propietarios da importancia de recoller os excrementos das súas mascota. Para iso, vaise tratar de buscar a implicación dos mozos e mozas do concello, de xeito que o alumnado de secundaria dos institutos do Concello de Ames participen no concurso de debuxo ambiental para o deseño do cartel que se empregará na devandita campaña. Os traballos poderán entregarse ata o 30 de marzo. Esta campaña de sensibilización desenvolverase ata o próximo mes de agosto. Posteriormente, comezarase con outra campaña de vixilancia e control na que se poderá levar a cabo sancións aos propietarios que non recollan os excrementos dos seus animais con multas que poden ir dos 100 aos 500 euros. En base á normativa, os ingresos procedentes das sancións deben destinarse a actuacións que teñan por obxecto o fomento da protección de animais.

Dende a concellaría de Medio Ambiente queren marcar un punto de inflexión comezando polo cumprimento da normativa, marcada na Lei 1/1993 de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, que garantan por parte de todos unhas boas prácticas cívicas e de tenza responsable dos animais de compañía.

O Concello durante un longo tempo estivo realizando campañas de sensibilización, e este problema en vez de diminuír foise incrementando, polo que optará pola alternativa de sancionar aos propietarios que non cumpran coa súa responsabilidade cívica.

A concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, explica que “cando eludimos a nosa obrigación de recoller os excrementos das nosas mascotas pensando que poden servir como abono para os espazos verdes, o que estamos a facer é converter as zonas de lecer en focos de insalubridade. A transmisión de moitas enfermidades de animais domésticos realízanse polas feces. Se non se recollen os excrementos estamos a expoñer ás persoas, e en especial aos máis pequenos, a posibles focos de infección e problemas sanitarios”.

Catuxa García tamén indica que “o abandono dos excrementos das mascotas nas vías e espazos públicos implican problemas de contaminación, non só visual e de malos olores, senón que tamén acuáticos ao entrar en contacto cos nosos acuíferos. Cando abandonamos os excremento dos cans nos espazos públicos estamos a dificultar as tarefas de limpeza municipal, ademais de supoñer un risco para a integridade física dos viandantes, senso motivo frecuentemente de caídas. Isto ocasiona claros problemas hixiénicos e de seguridade”.

Esta campaña de sensibilización desenvolverase ata o mes de agosto
Esta campaña, que se pon en marcha, vaise a desenvolver ata o vindeiro mes e agosto co fin de concienciar á veciñanza amesá da necesidade de recoller os excrementos das súas mascota. A partir dese momento comezarase a sancionar a todas aquelas persoas que non cumpran coa súa obriga e recollan os excrementos dos seus cans. As sancións económicas irán dende os 100 ata os 500 euros. Os ingresos procedentes das sancións impostas polos órganos competentes da administración xeral da comunidade autonómica por infraccións da devandita lei deberán destinaranse a actuacións que teñan por obxecto o fomento da protección de animais.

A concelleira de Medio Ambiente lembra que “os excrementos caninos que quedan sen recoller nos espazos públicos ofrecen unha imaxe negativa para o Concello, dificultan as tarefas de limpeza viaria e ocasionan numerosas molestias aos veciños. Para unha mellor calidade de vida e convivencia entre mascotas, propietarios e veciños, é necesario concienciarse da importancia de recoller os excrementos dos animais das beirarrúas, zonas verdes e demais espazos de lecer, porque así contribuiremos a mellorar a imaxe do noso concello”.

Concurso de debuxo de sensibilización ambiental
Esta iniciativa está dirixida ao alumnado de secundaria dos colexios do Concello de Ames, que presenten un debuxo acorde coa temática deste concurso. A temática xirará arredor das consecuencias do abandono dos excrementos das mascotas nos espazos públicos (rúas, espazos verdes...). Os debuxos deberán ir acompañados dun lema ou dun texto curto explicativo en galego co fin de sensibilizar á cidadanía da importancia da recollida dos excrementos.

Así, preténdese que a través da creatividade dos mozos e mozas se tome conciencia das consecuencias ambientais do abandono de excrementos, e que os rapaces e rapazas se involucren dunha maneira activa nas posibles solucións, plasmando estas ideas dun xeito artísticos nos seus carteis.

Os traballos deberán presentarse sen ningún tipo de identificación persoal. Debido a iso cada traballo levará unha clave no reverso que será asignada nos propios centros de ensino, os cales revelarán os nomes dos/as concursantes unha vez emitido o ditame do xurado. O prazo de presentación dos traballos rematará o 30 de marzo, ás 14:00 horas. A técnica do debuxo será libre e o tamaño non excederá dun folio tamaño A4. Os traballos entregaranse nos propios centros de ensino, e a partir do 31 de marzo serán recollidos polo persoal do departamento de Medio Ambiente.

O debuxo gañador editarase para o deseño do cartel da devandita campaña de sensibilización e o seu autor será premiado, ademais, cun cheque por valor de 100 euros. O segundo e terceiro premio obterán un cheque por importe de 75 e 50 euros, respectivamente. O xurado, que elixirá os carteis premiados, estará formado por persoal técnico da organización. O ditame do xurado publicarase o 15 de abril. Para obter máis información sobre este concurso poden chamar ao número de teléfono 981 883 002 e falar co persoal da concellaría de Medio Ambiente.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Sensibilización ‘premulta’ para recoger excrementos"