Pestanas principais

A concellaría de Educación e Cultura non prorroga o contrato a Eulen e asume directamente a coordinación e programación dos obradoiros culturais, cuxo prazo de inscrición comeza hoxe

Luns, 14 de setembro de 2015

[14-09-2015] A concellaría de Cultura asumirá directamente a xestión dos obradoiros culturais municipais contratando a profesores/as de recoñecido prestixio e a empresas locais de garantida solvencia. No programa increméntase para este curso a oferta de actividades teatrais con Teatro Infantil e Xogo Dramático para nenos e nenas ata doce anos e Expresión Dramática para rapaces e rapazas de 12 a 16 anos. Medran tamén as actividades que xiran en torno ás Manualidades coa posta en marcha de Restauración, Técnicas Artesanais e Arte Miúda. Xedrez, Bailes de salón e latino, Baile tradicional e Gaita e Percusión completan o programa de Obradoiros Culturais 2015/2016, cuxo prazo de inscrición comeza hoxe e se prolongará ata o 18 de setembro.

Ábrese o prazo de inscrición para os Obradoiros de Cultura do concello de Ames para o vindeiro curso 2015-2016, con importantes novidades. A máis destacable é a ruptura coa primeira prórroga de contrato de servizo que se mantiña coa empresa EULEN. S.A, asumindo directamente a Concellaría de Educación e Cultura a coordinación e programación de todas as actividades.“Dende a Concellaría de Educación e Cultura -continua Santomil- detectamos a necesidade de modificar algúns dos obradoiros, ampliando a oferta e o rango de idade para chegar a un maior número de usuarios e diferentes perfís de público, de xeito que poidan participar todas as persoas que o desexen. Variamos tamén algúns dos contidos programáticos, que consideramos que por obsoletos non estaban cumprido as necesidades esperadas. Tal é o caso dos obradoiros de teatro que engaden dous grupos novos, diferenciando os diferentes perfís de idades xa que atenden a necesidades distintas, tanto si falamos de aprendizaxe como de motivacións, e diferenciamos o teatro infantil e xogo dramático, da expresión dramática e o grupo municipal de teatro”.

E do mesmo modo que na oferta teatral, na oferta de manualidades tamén estará máis presente que noutras ocasións a franxa de idade adolescente. “O mesmo consideramos cos obradoiros de manualidades enfocados a un rango de idade que polo tipo de programa non atraía a público mais xove e engadimos aos dous grupos de manualidades que se viñan facendo, dous obradoiros de arte miúda, para os mais pequenos e pequenas da casa”, manifesta o concelleiro de Cultura. Estes obradoiros serán impartidos pola empresa Vagalume, asentada no Milladoiro.

Así as cousas, este ano a oferta de Obradoiros Culturais do Concello de Ames inclúe Baile tradicional que se impartirá na parroquia de Bugallido e que correrá a cargo, como en anos anteriores, da Asociación Cultural Os Castros; Teatro Infantil e Xogo dramático que impartirá a actriz Mónica Camaño, quen tamén se seguirá encargado do Grupo Municipal de Teatro; Expresión Dramática que correrá a cargo do actor e dramaturgo Zé Paredes; Xadrez, impartido en Bertamiráns por Alberto Dios, do club Promesas e no Milladoiro por Xoán Xosé Hidalgo, do club local Millarengo. As actividades de gaita e percusión correrán a cargo da Asociación Cultural Os Castros e se desenvolverán en Bertamiráns, Bugallido, Biduído e Transmonte. As clases de Bailes de salón e latino impartiranse en Bertamiráns e no Milladoiro e correrán a cargo da Escola de Danza Tomasón, a través dos prestixiosos profesores Orlando e Tania. No canto das manualidades, en Bertamiráns Aurora García impartirá en Bertamiráns e no Milladoiro Restauración e técnicas artesanais e Arte miúda correrá a cargo, como dicíamos da empresa local Vagalume.

O prezo dos obradoiros é de 50 euros para os maiores de 18 anos e 40 para os menores de 18. Ademais o segundo membro menos de 18 anos pagará 20 euros e o terceiro e restantes membros da familia menores de 18, pagarán 10 euros. O prazo de inscrición nos Obradoiros Culturais abrangue desde o 14 ata o 18 de setembro. A inscrición debe facerse de xeito presencial tanto na Casa da Cultura do Milladoiro como no Pazo da Peregrina de Bertamiráns en horario de 9:00 a 14:00, horario que se amplía os días 14 e 15 de setembro á tarde, podendo inscribirse quen o desexe entre as 16:00 e as 18:00 horas. Para matricularse é requisito indispensable estar empadroado/a no Concello de Ames e non ter débedas pendentes de calquera tributo co Concello de Ames.

Na sección de avisos desta mesma páxina web www.concellodeames.gal pódese ampliar información sobre os requisitos para inscribirse, as datas, os horarios e os lugares onde se impartirán os Obradoiros Culturais.

Contido relacionado


"El Concello de Ames va a asumir la gestión directa de los talleres culturales"
"El Concello de Ames gestionará directamente los talleres culturales"