Pestanas principais

A concellaría de Deportes iniciou os contactos cos clubs e asociacións para a creación do regulamento dun Consello consultivo deportivo

Venres, 08 de abril de 2016

[08-04-2016] Esta semana o goberno municipal convocou unha reunión coas asociacións e clubs deportivos de Ames. Na reunión, ademais de falar sobre a política deportiva do concello, o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, presentou un borrador do regulamento do futuro Consello consultivo deportivo. O documento será presentado tamén a ANPAS e representantes dos centros escolares a vindeira semana, antes de ser enviado aos partidos políticos con representación na corporación municipal.

A concellaría de Deportes ideou este organismo para fomentar a participación e o diálogo dos axentes implicados na vida deportiva do concello. Os clubs e as asociacións mostráronse favorables ante a proposta deste regulamento e teñen ata o día 15 de abril para presentar propostas, facer achegas e designar aos seus representantes neste Consello.

Neste órgano consultivo estarán tamén representados membros do colectivo educativo, tanto das ANPAS como dos centros escolares. A vindeira semana serán convocados para darlles a coñecer o contido do borrador. O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, considera que con estas reunións "comezamos un camiño de participación cos clubs, que xa nestes meses temos iniciado de maneira individual". O rexedor engadiu que, dende a concellaría, "esperamos que en breve poidamos poñernos a traballar conxuntamente no deseño de actividades e na toma de decisións importantes de cara a este mesmo ano".

Unha vez revisado o borrador do regulamento, e engadidas as achegas dos distintos axentes implicados, enviaráselles aos grupos políticos para súa definitiva estruturación. Dende a concellaría de Deportes explican que se optou "por un órgano aberto" para a creación deste Consello, "que permita unha composición o máis aberta posible, de xeito que axilice os procesos de diálogo" entre os colectivos amesáns que traballan no eido do deporte.

Obxectivos da política deportiva municipal
Na reunión aproveitouse para presentar os obxectivos da política deportiva dos vindeiros meses. As Escolas municipais e deportivas engadiron, pola súa banda, a vontade de evitar a competencia entre os clubs amesáns e as Escolas deportivas. Ambas partes compartiron, ademais, o obxectivo de que Ames conte con novas infraestruturas deportivas.

O goberno informou do investimento dunha porcentaxe das axudas dos plans provinciais do PAI e do POS en distintas instalacións deportivas, como a reconstrución da nova pista de tenis, a ampliación dunha sala de spinning, a piscina ou unha cancha polideportiva. Na actualidade estase realizando un estudo sobre a necesidade de ampliación dun dos pavillóns municipais.

Este traballo comezado na reunión cos clubs e asociacións continuará coa xuntanza da vindeira semana. Ademais da constitución do Consello consultivo deportivo, as ANPAS e os centros escolares debaterán coa concellaría o sistema que é máis axeitado para a desenvolver as actividades das Escolas deportivas durante o vindeiro ano.

José Miñones engadiu, trala reunión, que "a aposta deportiva e a calidade do deporte amesán son dous feitos que non queremos deixar de lado, por iso queremos poñer en marcha novas iniciativas deportivas".

Contido relacionado


El Correo Gallego:"El tripartito admite la falta de dotaciones para el deporte"