[17-09-2012] A Concellaría de Cultura de Ames ten programada para o segundo semestre do ano unha ampla oferta de teatro. A partir do mes de outubro, os veciños e veciñas amienses poderán gozar do traballo de grupos de teatro afeccionado e profesional. Haberá oferta para todos os públicos. Tanto a Casa da Cultura do Milladoiro como a de Bertamiráns acollerán o próximo mes a Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, na que participarán catro grupos de Ames, Negreira, Muros e Narón. En novembro e decembro será a quenda dos grupos profesionais.
A Mostra de Teatro Afeccionado comezará o vindeiro 5 de outubro coa actuación, ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns, do Grupo Municipal de Teatro de Ames. O grupo interpretará a obra 'O Médico a Paus', dirixida a todos os públicos.
O venres, 12 de outubro, será a quenda da Escola Municipal de Teatro de Negreira. A partir das 20:00 horas, interpretarán na Casa da Cultura do Milladoiro a obra 'Vaia función', recomendada para persoas a partir dos 12 anos.
A mostra de teatro continuará o venres 19 de outubro en Bertamiráns. O grupo Aquelando Teatro de Muros amosará ao público amiense a súa obra 'Allan', recomendada para persoas a partir dos 12 anos. A función terá lugar ás 21:00 horas.
Por último, o venres 26 de outubro chegará á Casa da Cultura do Milladoiro o grupo 'O aturuxo de Melpómene'. Nesta ocasión, os veciños e veciñas de Ames poderán gozar da obra 'Café', destinada a persoas maiores de 12 anos.
Meses de novembro e decembro
A oferta de teatro en Ames continuará nos meses de novembro e decembro. As primeiras citas serán o día 9 de novembro. Nesta xornada, en horario de 11:00 e 21:00 horas, o grupo profesional Malasombra interpretará 'Smoke City' en Bertamiráns. A primeira das sesións, a da mañá, será para público escolar, mentres que a da noite estará aberta a todos os públicos.
Os nenos e nenas de Ames poderán gozar de teatro infantil na xornada do 16 de novembro. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá ao grupo Babaluva, que presentará a súa obra 'Cama e conto'. Haberá dúas sesións: unha ás 11:00 horas da mañá, destinada ao público escolar, e outra ás 18:30, dirixida ao público familiar.
O mes de novembro rematará cunha nova obra de teatro destinada ao público adulto. Será o 30 de novembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta data, o grupo profesional Obras Públicas traerá a Ames a obra 'O fútbol é así'.
Por último, xa no mes de decembro achegarase á Casa da Cultura de Bertamiráns o grupo Eme2, que interpretará a obra 'Sexo? Por que non?' en dúas quendas. A primeira será ás once da mañá e estará destinada ao público escolar. A segunda está programada para as 21:00 horas e estará dirixida ao público adulto.




