Pestanas principais

A Concellaría de Benestar continúa coa programación dos “Obradoiros de prevención de condutas aditivas” en diversos centros escolares

Martes, 13 de abril de 2021

Substancias aditivas, ludopatías e usos inadecuados das TICS. O alumnado da ESO do IES de Milladoiro, de 4º, 5º e 6º de primaria do colexio da Maía e de 4º de primaria dos colexios de Barouta e Agro do Muíño participará proximamente nos “Obradoiros de prevención de condutas aditivas” que a concellaría de Benestar e Promoción da Saúde vén organizando desde hai varios anos nos centros educativos públicos do Ames. Ao longo do mes de marzo desenvolvéronse obradoiros semellantes para os alumnos/as de 5º e 6º dos colexios de Barouta e Agro do Muíño.

Os obradoiros teñen como finalidade proporcionar ao alumnado a adquisición de capacidades e habilidades que lles permitan desenvolver estilos de vida saudables e afrontar axeitadamente as situacións de risco relacionadas coas adiccións. Ademais, ofrecen ferramentas para desenvolver capacidades e habilidades persoais que faciliten actitudes de rexeitamento ao consumo.

Este ano, por mor das circunstancias derivadas da pandemia da COVID19, os obradoiros de condutas aditivas, que habitualmente se realizaban no primeiro trimestre do curso, adiáronse até estas datas. No mes de marzo desenvolvéronse intervencións nos centros de primaria de Agro do Muíño e Barouta nos que participaron 125 alumnos/as de 5º e 6º de primaria. Traballouse con cinco grupos e fixéronse un total de 30 sesións. Nesta ocasión abordáronse os usos problemáticos das TICS e os seus riscos asociados.

Nos meses de abril e maio está prevista a realización de intervencións no IES de Milladoiro. Participarán 300 alumnos e alumnas divididos en 12 grupos para o que están programadas 60 sesións. Ademais do traballo de prevención en condutas aditivas relacionadas co consumo de substancias e o uso problemático das TICS, afondarase nestes grupos na prevención da ludopatía, facendo especial fincapé no xogo on-line e nas apostas.

Tamén, ao longo deste mes de abril está previsto a realización de obradoiros para os grupos de 4º, 5º e 6º de primaria do colexio da Maía e para o alumnado de 4º de primaria dos colexios de Barouta e Agro do Muíño.

Para a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, a implicación das familias e do profesorado é fundamental á hora de abordar os problemas relacionados coas condutas aditivas e a súa prevención: “Apostamos porque os obradoiros sexan participativos e impliquen non só á rapazada, senón tamén a ao profesorado e as familias, de xeito que o coñecemento dos perigos e das posibles ferramentas para abordalos sexan un ben para toda a comunidade educativa”.

Luísa Feijóo lembra que este ano, como novidade, o programa incluíu obradoiros para o alumnado de 4º e 5º de Primaria: “As novas tecnoloxías, que provocan tantos beneficios no ámbito da educación, tamén son unha fonte de risco, pola adición que provoca estar sempre conectados ás pantallas. É necesario abordar esta cuestión desde as idades máis temperás. Por iso incluímos no Programa de prevención de condutas aditivas, a intervención en grupos de 4º e 5º de primaria”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Obradoiros en aula para evitar que a rapazada amesá tropece coas adiccións"

Obradoiros de condutas aditivas