Pestanas principais

Concédense as axudas ás asociacións xuvenís

Xoves, 03 de febreiro de 2011

[03-02-2011] Ames conta cun alto porcentaxe de mocidade, aínda así o número de asociacións xuvenís existentes no territorio non é moi elevado. Para promover o asociacionismo entre a mocidade ademais de estimular a organización de actividades para este colectivo, o Concello convocou unha liña de axudas para a realización de actividades xuvenís. Catro asociacións deste tipo son as beneficiarias desta convocatoria, á que se destinaron 4.063,05 euros, co obxectivo de promocionar programas de actividades para mozos e mozas. Despois de que as entidades xustificasen os gastos nos vindeiros días efectuarase o pagamento desta axudas.

Para incentivar a creación de asociacións entre os mozos e mozas amienses, a Concellaría de Mocidade convocou unha subvención para promocionar actividades lúdicas para os mozos e mozas por importe de 10.800 euros. Este ano catro asociacións serán as beneficiarias desta axuda para a promoción de actividades xuvenís da Concellería de Mocidade. Estas subvencións están dedicadas a programas de actividades, equipamentos e alugueiros de locais nos que os organizadores ou os beneficiarios sexan os mozos e mozas de Ames.

Despois de que rematase o prazo para presentar as solicitudes a comisión avaliadora revisou todas as propostas presentadas e aprobouse a concesión de 4.063,05 euros para a realización de actividades xuvenís. A Asociación Arcea Adames, a Asociación Follas Novas, a Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía e a Asociación Cultural Ars Ames son as catro entidades beneficiarias destas axudas. A través das contías que o Concello concedeu as asociacións financiarán diversas actuacións que realizaron durante o ano pasado.

A Asociación Arcea Adames obtivo unha axuda de 1.350 euros para sufragar o aluguer do taller que está situado no Milladoiro; a Asociación Follas Novas, pola súa banda, dispón dunha axuda de 1.687,50 euros para sufragar uns cursos monográficos de acordeón, danzas e informática musical que realizaron o pasado ano. Ademais concedéronse 569,55 euros á Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía que investiron na segunda edición do festival da Maía. Por último a Asociación Cultural Ars Ames recibe unha subvención de 456 euros que foron invertidos nunha representación musical.

A comisión de valoración seguiu uns criterios a hora de repartir as achegas entre as catro asociacións. O número de beneficiarios, a periodicidade das actividades, o interese social das mesmas, o uso do galego e o feito de que a asociación perciba axudas doutros organismos, foron os aspectos que a comisión tivo en conta á hora de fixar o importe a percibir de cada asociación, tal e como estaba establecido nas bases da convocatoria.

"Un ano máis convocouse esta liña de axudas co fin de que cada vez máis mozos e mozas poidan optar a esta subvención e beneficiarse das mesmas, de xeito que poidan levar adiante proxectos que quizais non se poderían facer realidade sen este tipo de achegas. O principal obxectivo desta subvención municipal é incentivar o asociacionismo entre a mocidade do concello e apoiar as iniciativas culturais, sociais, formativas e de tempo de lecer que fomenten a participación xuvenil tanto no marco das súas propias asociacións coma na vida social activa de Ames" afirma a Concelleira de Mocidade, Patricia Conde.

As entidades beneficiarias desta convocatoria de subvencións xa xustificaron os gastos polos que se lle serán concedidas as devanditas axudas. Polo tanto durante os vindeiros días comezará a efectuarse o pagamento destas contías.

A nova noutros medios dixitais: