Pestanas principais

A comunidade educativa participa na análise da seguridade viaria no CEIP A Maía e IES de Ames

Luns, 18 de xaneiro de 2016

[18-01-2016] Os Concelleiros de Educación, David Santomil e de Obras, Blas García, reuníronse o pasado venres coas directoras do CEIP A Maia e do IES de Ames, as ANPAS e OS representantes da empresa de autobuses escolares co obxectivo de analizar o resultado das probas realizadas para ordenar o tráfico de vehículos e mellorar a seguridade viaria nesa zona escolar. Na reunión avaliouse dun xeito positivo os resultados da primeira proba realizada no mes de novembro a través da que se habilitaran dúas dársenas de autobuses con acceso pola porta principal do CEIP A Maía e deseñáronse novas actuacións para reorganizar a mobilidade na contorna destes centros escolares. Está previsto que no mes de febreiro se realice unha segunda proba para seguir buscando a alternativa que mellor garanta a seguridade e a mobilidade na contorna destes centros educativos.

Na reunión analizouse a necesidade de habilitar dúas dársenas de autobuses, colocados nunha única fila, ampliar o ancho das beirarúas e realizar a entrada no CEIP A Maía pola actual porta principal do colexio. Tamén se valorou dotar o exterior dos centros de máis zonas de aparcamento, facendo especial fincapé nas prazas de discapacitados e na necesidade de que o transporte do comedor escolar teña garantido sempre un espazo de aparcamento.

Doble dársena de autobuses escolares e ampliación de beirarúas

Do mesmo xeito que na primeira das probas, para a segunda proba que se realizará o luns 22 de febreiro, habilitaranse dúas zonas de parada dos autobuses escolares, coa diferenza de que a entrada ao CEIP A Maía realizarase unicamente pola actual porta principal, evitando así que os alumnos de ensino infantil teñan que realizar un maior traxecto polo interior do centro. A distancia máxima entre os autobuses máis afastados e a porta non supera os 40 metros, de xeito que se vai valorar a posibilidade de dotar este traxecto dunha dársena cuberta. Na xuntanza afondouse tamén na necesidade de ampliar as beirarúas dende a entrada do pavillón polideportivo até o acceso ao IES, permitindo así unha maior capacidade de tránsito na zona da entrada ao colexio.

Actualmente, o Concello de Ames xa realizou a pavimentación entre os accesos ao colexio e o instituto e colocáronse separadores para facilitar o paso dos estudantes na actual dársena.

Plan Proxecta de Mobilidade Sostible e Segura

Como complemento das actuacións que o Concello de Ames está a desenvolver na contorna dos centros escolares CEIP A Maía e IES de Ames, ambos centros foron aceptados no Plan Proxecta que desenvolve a Xunta de Galicia. Este Plan acaba de arrancar este curso 2015-16, incorporando un programa educativo dedicado integramente á mobilidade sostible no que participarán 28 centros educativos de infantil, primaria e secundaria. Dito programa de mobilidade xorde cunha finalidade transformadora que cuestione os modos de mobilidade imperantes e que favoreza a participación do alumnado na elaboración de propostas que garantan a seguridade nos seus desprazamentos, o tempo que promoven modos de mobilidade máis saudables para toda a comunidade.

O concelleiro de Educación, David Santomil, agradece a colaboración da comunidade educativa coa finalidade de mellorar a seguridade viaria e peonil nos centros escolares. “É importante que tanto na avaliación das circunstancias como nas decisións que se tomen para melloralas participen todos os sectores implicados”. A próxima proba realizarase o luns, 22 de febreiro, á espera de que avance a reparación do acceso á autovía AG56, danado durante as intensas choivas da pasada semana.

Pola súa banda, o concelleiro der obras, Blas García, manifesta que para este goberno “é prioritario solucionar os problemas de seguridade na contorna do IES de Ames e do CEIP A Maia e por iso imos realizar todas as probas que sexan necesarias de xeito o alumnado destes dous centros poida asistir a clase sen ningún tipo de risco”.

Pídense á Xunta melloras na seguridade do CEIP de Barouta
Por outra banda, e con respecto ao CEIP de Barouta, compre salientar que aproveitando a visita realizada pola Conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez para revisar o estado da autovia AG56, o goberno municipal lembroulle a necesidade de mellorar a estrada de paso por Barouta, solicitando maior sinalización, bandas rugosas e sinais luminosas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Nueva reunión para mejorar la seguridad vial en el colegio de A Maía y el instituto de Ames"
El Correo Gallego:"La reubicación de buses convence a la comunidad educativa amaiana"